Os Bolechas

O Concello de Baiona continúa coa programación do Novembro Lila. Este venres, ás 18:00 horas, a biblioteca municipal acollerá o contacontos “Eu non quero”, que correrá a cargo de Ana Carreira.

Xa o sábado, visitarán a vila “Os Bolechas”, unhas personaxes coñecidas polas crianzas, para presentar o libro “Os Bolechas visitan as escolas de Baiona. O bo trato”.

Este libro é un proxecto que agocha un gran traballo da equipa do CIM de Baiona para transmitir dunha maneira axeitada ás idades temperás un tema tan importante coma é a violencia machista.

Se o tempo o permite, os Bolechas farán un pasarrúas dende a rúa Carabela Pinta até o Auditorio V Centenario, onde as crianzas poderán sacarse fotos con eles e elas e levarse un exemplar do libro. Vai acompañar o acto o ilustrador Pepe Carreiro, que firmará os libros e fará un debuxo moi especial para recordar a visita dos Bolechas a Baiona.