Foi no verán pasado que ducias de veciños de Gondomar decidimos saír aos montes a vixiar para evitar que plantaran lume neles. E fixémolo poñendo un chaleco amarelo como resposta á pasividade dos diferentes gobernos, máis preocupados no “negocio do lume” que na prevención…e fixémolo vestindo un chaleco amarelo por ser visible no monte a quilómetros de distancia, máis tamén, como un símbolo de rebeldía e compromiso.

Pero resulta que o perigo que asexa os nosos montes non só é o lume, con ser o máis “espectacular”, senón que hai outro tipo de negocios tan letais ou máis que as lapas, como poden ser a minaría a ceo aberto ou os propios parque eólicos que hoxe ameazan ás  Serras do Galiñeiro e da Groba.

“Enerxía Eólica si, pero non así”…..Nos nosos montes hai outro tipo de valores e riquezas que non poden ser estragados en aras dunha enerxía chamada alternativa. Para moitos cidadáns as enerxías limpas teñen que selo dende a raíz e con principios éticos, e non un negocio mal disimulado que ademais de destruír o noso medio natural, por encima non deixa beneficios alí onde es instala. Non se entende que enchan Galicia de parques eólicos (como no Franquismo de encoros) e teñamos unha das electricidades máis cara de Europa, por poñer só un exemplo.

Os muíños de vento deben ser instalados, previo consenso coa sociedade e a comunidade científica, alí onde non estraguen outras riqueza existentes, e para iso igual antes de instalar novos parques, cómpre potenciar os existentes, fomentar e apoiar a autoproducción de enerxía solar, e obviamente, facermos un uso responsable de todas as enerxías, tamén da eléctrica.

Pola nosa parte seguiremos defendendo o monte e axudando a evitar esta nova agresión, indica Antonio Araúxo Quintas.