A necesidade de estreitar relacións con Bruxelas e de calendarizar proxectos concretos con financiación europea, foi unha das conclusións compartidas polas autoridades que asistiron ás II Xornadas Amizade Cerveira-Tomiño celebradas no Centro de Apoio Empresarial de Vila Nova de Cerveira.

Así o manifestaron os alcaldes de ambas vilas fronteirizas, Sandra González e Fernando Nogueira nas súas intervencións no marco do debate “Europa sen fronteiras. O papel da cooperación transfronteiriza na consolidación do proxecto europeo», no que tamén participaron a comisaria europea de Cohesión, Elisa Ferreira; a ministra de Coesão Territorial do Governo Português, Ana Abrunhosa, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Nunha mesa anterior, o deputado provincial e vice-director da AECT Río Minho, Uxío Benítez, aseguraba que o devandito agrupamento é maior de idade” e está en condicións de xestionar unha estratexia 21-27. “A nosa estratexia encaixa perfectamente nas estratexias europeas, polo que solicitamos fondos para os territorios de fronteira”, advertía o deputado, lembrando asemade a necesidade dunhas políticas específicas para estas zonas e rexeitando o peche de fronteiras para os cidadáns que habitan, traballan, comercian e se relacionan dun e outro lado do Miño.

Tanto a comisaria, coma a ministra de Cohesión Territorial, ambas portuguesas, salientaron a existencia de proxectos e estratexias políticas de desenvolvemento común entre os territorios fronteirizos. “Por primeira vez existen estratexias transnacionais, con infraestruturas e instrumentos e vontade política de abolir fronteiras en aras do ben común dos habitantes e de que as fronteiras no día a día, desaparezan”, afirmaba Ana Abrunhosa, que postulaba ademais a necesidade dun Estatuto dos Traballadores Transfronteirizos que regule a situación das persoas que desenvolven a súa actividade profesional doutro lado da fronteira.

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, cualificou o día das xornadas coma “un día grande para a cooperación transfronteiriza”. A rexedora admitiu que nos cinco últimos anos de traballo conxunto con Cerveira, no que se implicaron máis de 10.000 persoas nos distintos proxectos executados, houbo obstáculos e atrancos que se foron resolvendo dende o ámbito local con bastante eficacia. “Na Eurocidade felicitámonos polo impulso dado á cooperación pero solicitamos maior concreción e poder calendarizar os próximos pasos; resulta imprescindible reforzar o apoio do goberno autonómico, español e europeo, xa que somos a fronteira máis transitada de Europa, cun 47% do fluxo de vehículos que viaxan entre España e Portugal e con 6.400.000 habitantes na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, salientou a alcaldesa, asegurando que a mesma non é o final de nada, senón o centro do desenvolvemento, cunha economía e recursos moi potentes.

“Necesitamos financiamento para seguir levando a cabo esa cooperación de proximidade e precisamos tamén canles de comunicación máis directos cos entes europeos”, reclamou a política, falando de dous proxectos fundamentais para a rexión, coma son a mobilidade ferroviaria entre Vigo e Porto e a creación do futuro Parque da Amizade que unirá cunha pasarela sobre o río a Tomiño e Cerveira e as súas zonas de recreo e interese paisaxístico e ambiental.

Da teoría á práctica

O presidente da Cámara Municipal de Cerveira, Fernando Nogueira, foi o encargado de pechar o debate. Na súa intervención resaltou a necesidade de dar un salto cualitativo e cuantitativo na cooperación transfronteiriza, pasando da teoría á práctica, para o que pediu o apoio europeo, rexional e dos estados luso e español. Coma obxectivos próximos, citou o plan de acción conxunto aprobado no recente Cumio Ibérico celebrada na cidade lusa de Guarda, a mellora das infraestruturas ferroviarias xa existentes, e a solución dos obstáculos administrativos que obstaculizan aínda unha relación máis estreita.

Tanto a ministra portuguesa como o presidente da Xunta de Galicia, que asistiu a través de videoconferencia, amosaron a súa preferencia polo eixe atlántico ferroviario. Feijóo afirmou que se está traballando xa nunha nova estratexia de cooperación 2021-2027, baseada na convivencia dos habitantes lusos e galegos e na superación da actual pandemia.

A Eurocidade Cerveira Tomiño, celebrou as II Xornadas Amizade para e reflexionar sobre o futuro da cooperación transfronteiriza, e realizar un balance dos resultados acadados na “Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño”, proxecto cofinanciado polo FEDER a través do Programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP).