O pasado xoves 17 de outubro o pleno do concello de Gondomar aprobou unha moción do Partido Popular na que se pedía que de maneira urxente, se fixeran os arranxos necesarios para garantir a seguridade dos usuarios do parque de A Feira, delimitando e impedindo o seu paso as zonas perigosas.

«En dita moción tamén se pedían un plan de obras e que o concelleiro delegado de Parques, Xardíns e Espazos Públicos informase ó pleno da corporación municipal, na súa vindeira sesión, das actuacións levadas a cabo para garantir a seguridade dos usuarios do parque de A Feira e a presentación dun plan de obras para o seu arranxo», sinalan dende o PP de Gondomar.

Os populares aseguran que no mesmo pleno, o alcalde Francisco Ferreira recoñeceu que o parque atopase nun lamentable estado e comprometeuse a levantar todo durante a semana que xa pasou, cousa que xa falara co concelleiro de parques. Pasado o tempo, Julio Fernández, concelleiro do Partido Popular, ven de comprobar que o parque atópase aínda en peores condicións, polo que acusa ó alcalde de mentir descaradamente ó pleno sen ningún pudor. «Por desgraza estamos acostumados a que o alcalde minta ó pleno, pero o peor é que está mentindo a todos os veciños e xogando coa seguridade dos cativos”, afirma o concelleiro do PP gondomareño.

«Durante unha visita feita ó parque este domingo puidose comprobar que a caseta de
xogos segue rota, faltan aínda mais traveseiros de madeira, os farois seguen rotos e cos cables ó descuberto, faltas de lousas de pedra, fontes e estanques rotos, etc», afirman.

«Pensamos que é importante conservar os parques que temos, sobre todo cando falamos da seguridade dos cativos e dos usuarios dos mesmos. Non podemos agardar a que haxa unha desgraza para que despois teñamos que lamentarnos«, matiza o concelleiro do PP gondomareño.

Así, o Partido Popular de Gondomar esixe ó alcalde e ó concelleiro de Parques, Xardíns e Espazos Públicos que a maior brevidade garanta a seguridade do parque e que se arranxen todos os estragos existentes, «polo ben da veciñanza«.