O programa “Novembro Lila”, é un programa deseñado para dar visibilidade á lacra da violencia machista coincidindo co gallo do 25N, día internacional contra a violencia de xénero.

Trátase dunha programación que abranguerá todo o mes de novembro e contará cunha importante presenza feminina, cuxas pezas e traballos contan historias vividas e sentidas por mulleres.

Esta programación vai un paso máis alá da estética dunha pancarta que berra “Non Á Violencia”, quérese entrar na cabeza do público para facelo reflexionar sobre a problemática da violencia machista e a desigualdade entre homes e mulleres, adaptándose ás diferentes idades do público xa que haberá actuacións variadas para toda a cidadanía.

Así, o sábado día 2, ás 18:00 horas no xardín do Museo da Navegación, presentarase este programa a veciñanza de Baiona. Contarase coa presenza de Miriam Ferradáns (lectura de poemas: As mulleres no vento) e Mónica Sueiro (peza teatral: DesAlento). (En caso de choiva farase na Biblioteca Municipal).