O Rosal celebra este domingo unha Cabalgata de Reis marcada por importantes novidades que sorprenderán a todos os veciños e polas actividades pensadas para todos os públicos que se desenvolverán ao longo de toda a tarde na Praza do Calvario.

Cantos de Reis, xogos populares, chocolatada, paxes reais en moto e Reis a cabalo serán soamente algunhas das actividades organizadas polo Concello do Rosal en estreita colaboración coas asociacións locais coas que se lle dará a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar.

Unha morea de actividades

As actividades comezarán ás 10.00 horas co encontro dos Moteiros do Baixo Miño na Praza do Calvario para despois percorrer un a un os barrios do Rosal para anunciar a chegada dos Reis. Manterase o mesmo percorrido que en anos anteriores pero con pequenas modificacións nos horarios: así, os paxes reais teñen previsto visitar ás 10.00 h O Calvario, Caselas, Convento, Fornelos, Picón e Martín; ás 10.40 h Viso dos Eidos e Novás; ás 11.00 h Parada, Marzán, Sanxián e Portecelo; ás 11.45 h Cachada, Fecha, Pancenteo, Cunchada e Pías; ás 12.45 h Tabagón, A Portela, Eiras e Morán; ás 13.30 h Valdemiñotos, Couselo, A Lomba, Urgal e Barrio Novo; e ás 14.00 h Cumieira de Abaixo, Cumieira de Arriba e Sandián para rematar de novo diante da Casa do Concello.

Outra das principais novidades deste ano será a recuperación dos Cantos de Reis, a cargo de diferentes grupos e asociacións, que percorrerán pola tarde distintos barrios enchendo de música as súas rúas. Carballas será o encargado de por a nota musical en San Xián (15.45 h) e Martín (16.30 h), Os Xidos estará en Pías (16.00 h) e Pancenteo (16.30 h), Airiños do Folón actuará en Fornelos (16.00 h), Tremelique percorrerá Eiras (16.00 h) e Tabagón (16.30 h), Airiños de S. Miguel e Orballo visitará San Miguel (16.00 h) e Novás (16.30 h) e Lirolai levará os Cantos de Reis a Caselas (16.00 h) e O Calvario (16.30 h).

A tarde arrancará na Praza do Calvario con xogos populares para todos os públicos (de 16.30 a 19.30 h) e coa esperada chegada dos Reis Magos (17.00 h), que este ano por primeira vez farán a súa entrada na praza montados en cabalos de pura raza galega da Asociación Finca Moreiras. Os Reis Magos estarán pola tarde na praza repartindo doces e agasallos aos máis cativos, mentres que os Cantos de Reis porán a música ambiente a unha completa tarde de lecer para todos os públicos na praza. A partir das 18.00 h tamén haberá chocolatada para todos os asistentes.

Recuperando tradicións

O Rosal comeza así o ano cunha Cabalgata chea de novidades coas que se procura “recuperar tradicións festivas moi arraigadas no concello e involucrar aos veciños co que forma xa parte do noso”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández. “Queremos agradecer especialmente a colaboración das asociacións locais. Temos un tecido asociativo moi activo que nos permite desfrutar de moitas actividades non soamente durante o Nadal, senón todo o ano”, salienta.

Dende o Concello queren convidar a todas as persoas a participar en todas estas actividades e a desfrutar do Nadal no Rosal.