A semana pasada os socialistas levaron a Pleno unha moción para esixir ao actual Goberno que volva a retomar o proxecto da saída sur ao porto, «tema que Carrero deixou tirado nun caixón desde que foi nomeado alcalde».   

«Este alcalde é experto en boas palabras e promesas, pero evita enfrontarse aos asuntos importantes porque, dun lado lle requiren moito traballo, e por outro os seus intereses non están na mellora da Guarda, senón nas súas propias aspiracións políticas. Vendo que só actúa nos temas cruciais cando se lle presiona, decidimos levar esta moción ao pleno», afirma a portavoz socialista, Fátima Rodríguez.

Afirman so socialistas que «a moción aprobouse, e Carrero queda deste xeito comprometido coa Guarda a poñerse a traballar de forma inmediata pola saída sur ao porto, xa que no seguinte pleno ordinario, que será en novembro, deberá informar aos membros da corporación dos avances acadados».

Os socialistas esperan que o alcalde cumpra coa súa palabra e actúe conforme ao compromiso adquirido. Porén, «lamentablemente estamos afeitos a ver como fai promesas que logo non se materializan», e anuncian que seguirán vixiantes «para asegurarnos de que non volva deixar aparcado este proxecto tan importante«, finalizan.