Os Socialistas de Oia presentan este xoves, ás 21:30h, no restaurante Lugar en Viladesuso, a súa candidatura ás Eleccións Municipais.
Neste evento intervirán Elena Álvarez, Nº2 da candidatura, Ángeles Marra, Deputada por Pontevedra no Congreso, David Regades, Secretario Xeral en Pontevedra e Gerardo Rodríguez, Candidato á Alcaldía de Oia.
Igualmente terá lugar a presentación dos dous vídeos de campaña elaborados polos membros da candidatura.
«O 26 de maio vanse celebrar novas eleccións municipais ás que Gerardo Rodríguez se presenta como candidato para a Alcaldía de Oia polo PSdG-PSOE. A súa candidatura combina experiencia e xuventude, ofrece enerxía, esperanza e ilusión para que, dunha vez por todas, o noso concello saía do estancamento e escurantismo no que nos mantiveron os sucesivos gobernos do PP», indican dende os socilistas de Oia.
«Estamos a piques de rematar unha lexislatura perdida, caracterizada por unha moción de censura que impediu levar adiante o cambio que o Concello demandaba e imposibilitou afrontar os graves problemas de Oia: saneamento, Talaso, Mosteiro…«, apunta o candidato socialista.
«Oia non pode permitirse perder outros 4 anos nos que a xuventude siga a emigrar pola falta de oportunidades e que continúe o despoboamento do Concello (3227 en xaneiro do 2009, 3014 en xaneiro do 2019)«, sinala Gerardo.
Ao remate do acto servirase un viño galego.