Violeta de Santiago

O Grupo Municipal socialista de Tomiño denuncia publicamente que nos Orzamentos Xerais territorializados da Xunta de Galicia a inversión para o Concello é de «cero euros» e manifestan que «por moito que queiran disfrazar ese maltrato ao noso Concello con partidas xenéricas, iso solo é fume, pois o que non consta no documento orzamentario territorializado non existe».

Consideran «unha burla» a todos e todas as tomiñesas que a ampliación do IES Antonio Alonso Ríos non conte «cun un so euro para acometela». Ampliación prometida na campaña electoral do 2019 polo Xefe Territorial de Educación, César Pérez Ares, e anunciado o inicio para o ano 2022, logo no 2023 e finalmente para o curso 2025/26, «pero que sigue no limbo e pon en evidencia que para o PP a calidade dos equipamentos educativos, o benestar da nosa mocidade e a educación en xeral non son unha prioridade».

Para o saneamento, «outra das maiores necesidades que demanda a cidadanía de Tomiño, exactamente igual, nin un so euro para o colector xeral de Sobrada nin para ampliación da capacidade da depuradora«, actuacións que as socialistas consideran imprescindibles.

Critican que nin sequera a grave praga de moscas que está a sufrir o Concello sexa tida en conta nestes orzamentos. «Un desprezo absoluto á cidadanía tomiñesa que padece esta praga e que tanto lles está afectando ó seu benestar e a súa saúde tanto física como mental», din.

As socialistas lembran que ano tras ano emendan os orzamentos xerais da Xunta de Galicia e para 2026 reclaman o que consideran urxente e prioritario como en medio ambiente o colector xeral e a ampliación de depuradora. En mobilidade, a urbanización da estrada PO-344 Forcadela-Couso, a construción de beirarrúas e mellora da seguridade vial e peonil nos lugares de Barro, Hospital e San Salvador de Tebra.

En educación, a ampliación do IES Antón Alonso Ríos e o acondicionamento e rehabilitación dos espazos no CEP Pintor Antonio Fernández. En sanidade a construción do voadizo no acceso do Centro de Saúde e a gratuidade no aparcamento público do hospital Álvaro Cunqueiro. Un Centro de Información á Muller e a ampliación do servizo de Atención Temperá en Política Social e Xuventude.

O remate, dunha vez por todas, do proceso de concentración parcelaria Estás-Figueiró-Goián e un plan de avaliación e intervención para o control da praga de moscas, son entre outras, «as emendas rexistradas e esiximos ao Goberno do PP da Xunta de Galicia que as teña en conta e que non sigan maltratando a Tomiño nas inversións que nos pertencen».

“Temos que lembrar que a actual Presidenta do Partido Popular en Tomiño, Lara Meneses, forma parte dese Goberno polo que pedímoslle que defenda ó seu Concello e que solicite a rectificación do orzamento xeral 2026 para  que non sigan desprezando e maltratando á veciñanza tomiñesa”,  manifesta a voceira socialista, Violeta de Santiago.