Os socialistas da comarca do Baixo Miño mantiveron no día de onte en A Guarda unha xuntanza co deputado autonómico Julio Torrado, para analizar os orzamentos autonómicos para o ano 2020 que están en fase de tramitación.
Os socialistas esixen “seriedade” á Xunta de Galicia, coa que manifestaron a súa “decepción” por uns orzamentos que obvian algunhas cuestións esenciais para a comarca, pero que pola contra presentan partidas “repetidas” ano tras ano. Como principal exemplo Torrado sinalou os 3 millóns de euros que se inclúen para a VAP Tui – A Guardia, que xa foron incluidos nos orzamentos do ano pasado, nos de 2018, nos de 2017 e xa dende os de 2016, pero en ningún deses casos foron executados. Este caso evidencia o “fume habitual” que os orzamentos traen consigo, “pero que despois non hai nada detrás”.
Dende o PSdeG do Baixo Miño apuntan a que existen “necesidades reais” que a Xunta non está “nin entendendo ni atendendo”, e poñen por exemplo a dotación de medios materiais e humanos nos centros de saúde e especialmente no PAC de A Guarda, para o que demandan un equipo a maiores no servizo de urxencia, para poder cubrir con maiores garantías a poboación dos concellos de Oia, A Guarda e O Rosal.
Os socialistas anuncian a presentación de emendas para tentar de correxir os orzamentos para esta comarca, e adiantan que esixirán que o Partido Popular “se retrate de verdade” porque advirten que non aceptarán as “excusas de mal pagador de pretender fialo todo á existencia de partidas xenéricas que semellan máxicas porque nelas caben todas as promesas, aínda que logo non aparecen nunca”. As emendas socialistas irán encamiñadas a demandar un maior compromiso na VAP, e a reforzar os servizos públicos, coa inclusión da citada demanda sobre o PAC ou as melloras en centros educativos, e tamén un maior compromiso medioambiental coa mellora nas redes de saneamento de concellos como Tomiño ou O Rosal.
Dende o PSdeG agardan que o PP comarcal se sume a estas demandas, “que o son de toda a cidadanía” e insta aos populares do Baixo Miño a que aclaren a súa posición e que esixan da Xunta de Galicia “que non se queira tomar o pelo á comarca”.