Archivo

Durante o ano 2019 o Departamento de Medio Rural do Concello de Tomiño, tramitou preto de 300 expedientes (287, concretamente) por incumprimento das labores de roza e tala de especies prohibidas (eucaliptos, piñeiros, acacias); expedientes que se tramitaron despois de recibir 87 denuncias de particulares, e outras 70 presentadas pola Policía Local.

Estas cifras denotan un descenso no número de expedientes tramitados en 2019, tanto de oficio, como por denuncia de alguén, pasando as denuncias de particulares a 87 fronte ás 158 do 2018.

Por outra parte, das 220 notificacións enviadas a propietarios de fincas, 100 foron motivadas por incumprimento da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e 120 polo incumprimento da ordenanza municipal de xestión da biomasa.

Nos informes presentados pola Policía Local apréciase un maior cumprimento nas labores de roza das parcelas, non tanto no respecto das distancias entre especies prohibidas e vivendas. Neste sentido, os axentes presentaron unha cantidade significativa de informes sobre parcelas completamente limpas de maleza, pero con especies prohibidas, próximas ás vivendas.

Por outra banda, dos propietarios de 220 parcelas con expedientes abertos no 2019, 40 notificaron que realizarían a limpeza eles mesmos, aínda que houbo moitos que efectuaron os traballos requiridos sen notificalo ao Concello.

En canto á distribución por parroquias, na que máis denuncias houbo (118) foi en Tomiño (Santa María), con moita diferencia sobre as demais. Segundo a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, este feito pode explicarse, por unha parte, porque Tomiño é a parroquia máis poboada de todo o municipio e, por outra, porque se trata dunha parroquia de alta actividade incendiaria. Forcadela e Amorín séguenlle en número de denuncias.

Por outra parte, no que vai de ano, realizáronse 5 execucións subsidiarias. Dúas foron levadas a cabo por empresas contratadas, cun gasto de 1198.00 euros, e as restantes por traballadores municipais. Neste último caso calcúlase un gasto estimado de 673.68 euros, polo que o gasto total en execucións subsidiarias, superaría en 2019 os 1.870 euros, estando pendentes de realizar aínda outras doce execucións subsidiarias. Estas, porén, van diminuíndo nos últimos anos (no 2018 foron 20), aumentando os casos nos que os propietarios e propietarias das fincas, fanse responsables das limpezas.