A Fundación Menela, a Xunta de Galicia e o Concello de Nigrán presentaron, en rolda de prensa, o «Proxecto Xacobeo Autismo. Un camiño de todos», a través do cal, 20 persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), usuarias do Centro de Día e Residencial Castro Navás (Priegue-Nigrán) da Fundación Menela, realizarán en 7 etapas un tramo do Camiño Portugués da Costa.

As etapas se realizarán entre o 17 de setembro e 11 de outubro. Este proxecto forma parte do Programa O Teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia e conta co apoio do Concello de Nigrán.

«O programa «Xacobeo Autismo. Un camiño de todos», ademais de darnos a oportunidade de achegarnos a nosa cultura, o noso patrimonio, a nosa gastronomía e a nosa arte, vai acompañado no seu desenvolvemento doutras accións complementarias. Nas diferentes etapas invitaremos aos centros educativos e colectivos sociais dos concellos que percorramos para que nos acompañen no camiño. Ademais, nos concellos percorridos faremos un estudo da accesibilidade cognitiva das casas consistoriais e procederemos a sinalizalas correctamente», sinala o director xeral da Fundacióm, Cipriano Luís Jiménez Casas.

No final das diferentes etapas do Camiño, a Fundación Menela establecerá un punto informativo sobre o Trastorno do Espectro do Autismo e sobre os servizos e programas cos que conta a Fundación para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA, as súas familias e os profesionais que traballan con eles en diferentes ámbitos.