Como vimos anunciando dende principios de Decembro, Óscar e Sandra, dúas persoas alumnas do Centro Educativo San Xerome, con especiais dificultades de desenvolvemento, despois de ter estado mais de dez anos no Centro, víronse obrigadas a quedarse nas súas casas dende setembro 2019, por non dispoñer de praza pública no Centro de Adultos da Asociación.

Despois de reivindicar e negociar coa Xunta de Galicia o financiamento das dúas prazas que precisan, e sen obter ate o momento ningunha resposta satisfactoria pola súa parte, a Xunta Directiva do San Xerome considerou que esta situación é intolerable, «porque estamos falando da vidas, de vidas de persoas, coas que os tempos das Administracións non son compatibles, tempos polos cales Óscar e Sandra non poden esperar».

Así, a Xunta Directiva do San Xerome decidiu asumir por conta da Asociación «que Óscar e Sandra volvan a estar entre nós, gozando de novo da súa vida, a vida que tanto lles gusta e tan ben lles fai, e dos apoios profesionais que lles ofrece o noso Centro, tanto a eles como ás súas familias, incluso a risco de poñer en perigo o resto dos Servizos que prestamos ás mais de 100 persoas usuarias e familias«.

Dito e feito, Óscar e Sandra dende hoxe volven a estar en San Xerome, xa se atopan novamente entre os seus compañeiros e compañeiras, grazas ao apoio incondicional e solidario da nosa Xunta Directiva. «Seguimos á espera da resposta positiva que a Xunta de Galicia se comprometeu a darnos, para asumir o financiamento destas dúas prazas. San Xerome cumpre a súa palabra e o seu compromiso. A Xunta de Galicia non pode ser menos», sinalan dende o centro.

«No caso de que a Xunta de Galicia non responda segundo o apalabrado, a Asociación prevé realizar mobilizacións reivindicativas, a partires do vindeiro martes 28 de xaneiro, que dean a coñecer a situación mais aló da nosa contorna; así como poñer en marcha unha campaña de captación de fondos que permita asumir os elevados custos desta arriscada, pero imprescindible decisión de Acción Social«, aseguran.