Padín detallou no Círculo de Empresarios de Galicia a disponibilidade de chan empresarial en Tui

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, mantivo nos últimos días un encontro coa presidenta do Circulo de Empresarios de Galicia, Patricia García, e os membros do Foro de Loxística e Transporte para abrir vías de colaboración para o fomento de chan industrial e a atracción de inversores.

Carlos Vázquez Padín expuxo, ante os membros do Foro, as distintas posibilidade de dispor de chan industrial en Tui ante a necesidades deste tipo de solo que hai na área metropolitana. Deu conta de forma pormenorizada da situación en cada unha das zonas empresariais da cidade: Areas, Ribadelouro, Guillarei e Baldráns.

Apuntou nese senso que nestes momentos só o Polígono de Areas está tipificado no PXOM coma chan industrial, e dende o Concello se teñen dirixido á Xunta de Galicia para preguntar pola situación das parcelas que non se desenvolveron nesta zona. Amais dende o Concello indica Carlos Vázquez Padín “temos acompañado o esforzo dos empresarios de Ribadelouro para desenvolver o chan e dos de Baldráns para regularizar a súa situación”.

Detallou amais que no caso de Ribadelouro en agosto de 2018 produciuse a aprobación provisional da modificación puntual do PXOM, cuxa documentación está xa na Xunta para proceder a aprobación definitiva. “Esta modificación permitirá un incremento moi importante da oferta de chan dispoñible nesta zona cun enorme potencial, xa que é a continuación natural das zonas industriais do Porriño”, segundo expuxo o alcalde de Tui.

Mentres en Guillarei o alcalde explicou que se ten dirixido á Comunidade de Monte e aos empresarios desta zona para que inicien un proceso de regularización desa zona xa que o chan aí está sen desenvolver.

Padín apuntou que para o goberno local é unha prioridade aumentar a disponibilidade de chan industrial, con plenas garantías xurídicas, o que permitiría tamén aumentar o número de empresas afincadas na cidade.

Logo deste primeiro encontro o alcalde de Tui será convocado a un almorzo de traballo co empresariado para darlles conta de primeira man das posibilidades de chan empresarial que hai na cidade. Abondou Carlos Vázquez Padín na súa idea de que a cidade sexa un “destino amigable” para as empresas tendo en conta a posibilidade de poder desenvolver 900 mil metros cadrados de chan industrial segundo o PXOM. Apuntaba que “hai que traballar arreo para disponibilizar ese chan e atraer empresas a Tui”.