Semana da Educación
Semana da Educación

O biólogo e xenetista catalán David Bueno, será unha das catro personalidades da Semana de Educación de Tomiño, que se celebrará no Auditorio de Goián entre os días 4 e 7 de febreiro.

Por cuarto ano consecutivo o Concello de Tomiño organiza este foro para que docentes, discentes, educadores, pais, nais e público en xeral, poidan achegarse para formarse e informarse sobre diferentes temáticas educativas en colaboración con recoñecidos profesionais. “Baixo o lema ‘Educación activa, sociedade proactiva’, nesta cuarta edición continúase a poñer de manifesto a importancia da educación na sociedade, unha firme aposta do Concello de Tomiño, que leva traballando moito tempo de cara a potenciar as capacidades e habilidades do alumnado, fomentando a implicación e involucrando a todos os axentes que participan no proceso”, explica Sandra González, alcaldesa de Tomiño e responsable da área de Educación.

Como vén sendo habitual, durante catro días, destacados profesionais do mundo da comunicación, a psicopedagoxía e a investigación afondarán en diversos aspectos da educación e da aprendizaxe. O prazo de inscrición, gratuíta, xa está aberto a través dun formulario dispoñible na web do Concello de Tomiño.

Para que nais e pais poidan acudir ás conferencias con tranquilidade, habilitarase un servizo de gardería de balde no propio auditorio; é necesario facer constar a necesidade de utilizalo no formulario de inscrición.

Conferencias

David Bueno, que pechará o ciclo de conferencias, o xoves 7 de febreiro, é probablemente o conferenciante máis coñecido polo público, pola súa activa labor de divulgación científica. Doutor en bioloxía e profesor de xenética na Universidade de Barcelona, a súa traxectoria profesional e académica desenvolveuse en Barcelona e Oxford, centrándose na xenética do desenvolvemento e a neurociencia, e a súa relación co comportamento humano. Sobre estes temas, Bueno publicou máis de cincuenta artigos científicos en revistas especializadas, e coma divulgador, sete libros para achegar a ciencia á cidadanía, así como tamén, varios libros de texto e colaboracións habituais con varios medios de comunicación. A súa conferencia do día 7 leva por título “Sorpresa! Que quere aprender o cerebro” e tratará de dar as claves para sacar o mellor proveito del nos procesos de aprendizaxe.

A primeira charla “Xestión do cambio educativo. Máis aló das modas”, será o luns 4 de febreiro e estará a cargo da bióloga e profesora Coral Regi, directora da Escola Virolai de Barcelona.

Jorge Úbeda, doutor en filosofía, director da Fundación Promaestro e profesor asociado da Universidade Complutense (Madrid) as claves para centros educativos, docentes e familias, na súaconferencia do día 5 “Por unha educación baseada no coñecemento”, e

Iria Marañón, autora dos libros “Educar en el feminismo” e “Libérate da carga mental”, terá ao seu cargo a conferencia “A igualdade tamén se aprende”, o mércores 6.

Todas as conferencias serán ás 19.00 horas no Auditorio Municipal de Goián. Para máis información sobre este evento, pódese chamar ao Departamento de Educación e Cultura, ou consultarse o seguinte enlace: Facebook.