ALFREDO

O Concello de Nigrán acolleu hoxe a Xunta Local de Seguridade para a noite de San Xoán en Panxón-Praia América, encontro ao que acudíu á delegada do Goberno, Maica Larriba; xunto ao edil de Seguridade, Rubén Rial, e demais representantes dos diferentes entes implicados.

Como principais novidades para ese día destacan as dúas campañas de concienciación levadas a cabo polo Concello: a de ‘SanXoanSenLixo’ e outra para a prevención da violencia de xénero durante a noite.

Dende o punto de vista da atención sanitaria, na Xunta de Seguridade acordouse dispor de dous hospitais de campaña en contacto directo co 061 e que, como novidade, se ubicarán nas instalacións deportivas municipais de Gaifar e estarán atendidos por un médico, catro técnicos sanitarios, 3 enfermeiros e 25 efectivos de protección civil (moitos deles titulados sanitarios).

Ademais, contará cunha ambulancia básica e outra avanzada. Dende o punto de vista da seguridade o dispositivo estará composto por todo o persoal da Policía Local con reforzos (26 efectivos en total); dous bombeiros do GES, unha ducia de axentes da Policía Autonómica que se adicará fundamentalmente ao control da venda e consumo de alcol de menores; 57 Gardas Civís (entre eles do Seprona) que se ocuparán especialmente de vixiar a protección do sistema dunar ou do control na venta de alimentos e, adicionalmente, por vez primeira haberá unha patrullera de servicio marítimo no mar.

Paralelamente, por vez primeira o Concello de Nigrán instalará un ´Punto violeta’ no paseo marítimo de Panxón, de 9:00 a 2:00 horas, co obxectivo de informar, sensibilizar e previr calquera tipo de comportamento sexista que poidan sufrir as mulleres durante a celebración da festa. Contará coas dúas técnicas do Centro de Información ás Mulleres do Concello de Nigrán e tres axentes de igualdade que se ocuparán da dinamización da mesma. Baixo o lema “Queres? Nunca sen un si” está destinada a poboación xove e pretende previr as agresións sexuais en entornos lúdicos e sensibilizar en torno a violencia de xénero, así como prestar apoio en caso de agresións sexuais. Esta mesma campaña se repetirá noutros eventos señeiros do Concello.

Será tamén a primeira vez que o Concello dispoña dun grupo de brigadistas medioambientais que concienciará entre os asistentes da importancia de non deixar lixo na praia, polo que tamén por vez primeira se instalarán varias illas de reciclaxe, todo elo dentro da campaña ‘SanXoanSenLixo’ lanzada polo Concello a semana pasada. Ademais, unha decena de lonas co ‘decálogo’ de boas prácticas medioambientais para esta noite estarán dispostas ao longo dos 800 metros que forman o perímetro blindado das dunas, onde novamente se instalarán focos para poder vixialas máis comodamente (a blindaxe quedará rematada mañá).

«Temos todo disposto e completamente coordinado para que a festa transcorra con normalidade, sen incidentes, e que polo tanto as fogueiras sexan as protagonistas. Ademais, será a primeira toma de contacto con dúas campañas que veñen para quedarse: a de celebrar un San Xoan máis sostible medioambientalmente e a de prevención da violencia de xénero nas festas», resume o rexedor, Juan González.

O Concello de Nigrán ten un total de 46 fogueiras autorizadas para esta noite en todo o municipio, o dobre que o ano anterior.