A Mesa de Contratación para a licitación do servizo de recollida de residuos urbanos, limpeza viaria e de praias, formada por técnicos do Concello de Nigrán e da Deputación de Pontevedra, «non atopa motivación suficiente que respalde a puntuación outorgada a unha das ofertas por parte do informe de valoración realizado pola consultora externa Into Consulting, que asesora ao órgano de contratación. Menos xustificación aínda ten a distancia tan desproporcionada respecto ás demais ofertas», sinalan desde o BNG de Nigrán.
Din que a Mesa detectou un tratamento preferente cara a oferta mellor puntuada, «na que se multiplican os cualificativos eloxiosos incluso en aspectos nos que outras ofertas presentan idénticas prestacións sen recibir o mesmo recoñecemento».
Neste sentido a Mesa advirte sobre afirmacións no informe de valoración que non se axustan á realidade, «como o incremento do número de colectores ofertados, que busca xerar unha aparencia de mellora inexistente, cando en realidade a proposta limítase a reproducir o incremento xa previsto no prego de prescricións técnicas respecto á situación actual; ou a desigual consideración do sistema de peche electrónico dos colectores de materia orgánica, que se valora expresamente como un elemento positivo cando o propón a UTE Geseco-Copasa-Oresa, pero non recibe igual recoñecemento cando é ofertado por outros licitadores», apuntan, e matizan que «esta disparidade denota un criterio desigual e arbitrario na valoración das ofertas. Existe un tratamento na valoración inclinado a favor da referida UTE, o cal se aprecia no xeito de describir aos distintos licitadores».
Hai que sinalar que o Prego de Cláusulas Administrativas Particulares foi realizado pola mesma consultora externa que agora valorou as ofertas. «Un encargo adxudicado directamente, sen concurso algún, e que tivo como resultado elevar a 33 millóns de euros o orzamentado para o novo contrato, de 10 anos de duración. O maior, con moito, da historia de Nigrán«, afirma Xavier Rodríguez, portavoz municipal..
O máis escandaloso do asunto -di Rodríguez- «é que, en numerosas ocasións, os técnicos advertiron do exceso de frecuencias de recollida de residuos e da súa ineficacia, e tales advertencias foron deliberadamente ignoradas. Os informes técnicos sinalaban que as frecuencias incluídas no prego eran desmesuradas, que suporían un custe innecesariamente inflado para as arcas municipais e que serían ineficientes para a prestación do servizo. Agora, nun xiro inesperado, a Mesa detectou que a oferta mellor puntuada podería incumprir o prego, ao propoñer unhas frecuencias de recollida inferiores ás mínimas esixidas. Esta circunstancia, lonxe de ser advertida pola consultora, foi incluso valorada de xeito positivo, cualificándoa de excelente”.
