Este venres e sábado, na parroquia de Paramos (Tui) e no entorno do Monte das Penizas, celebraráse unha edición máis, a sétima, de “Aspenizasfolk”.
Este festival naceu, no ano 2012, grazas a aposta de varias persoas, relacionadas coa parroquia de Paramos, ás que unía o gusto pola música de raíz. Desde a súa primeira edición teñen pasado, polo palco «folkiburro» das Penizas, un diverso abano de grupos que van desde a música máis tradicional ao folk máis anovador, cunha aposta de xuntar formacións consagradas e outras emerxentes.
Esta edición ven marcada pola traxedia do 23 de maio deste ano, cando unha explosión dun almacén ilegal de pirotecnia matou a dous veciños de Paramos, deixou sen casa a varias familias e afectou a centos de veciños. É por iso que esta edición terá un carácter solidario: para recadar fondos para as persoas afectadas e para erguer a voz e que esta traxedia, como outras, non caia no esquecemento co paso do tempo. Desde a organización destinaranse os beneficios do festival para os afectados.
Durante os dous días do festival poderanse disfrutar diversas propostas, cun amplo abano de xeitos de interpretar e entender a música folk e tradicional.
Programa
Venres 28 de setembro:
- A partir das 21:00 horas actuación de Xulio Lorenzo e Pelepau.
Sábado 29 de setembro:
- A partir das 12:00 horas, actuación de dúas formacións tradicionais con dúas propostas moi interesantes: Os Treboeiros da Muimenta da Sobrada e Os Estralos .
- Ás 14:00 horas xantar popular.
- A partir das 20:30 horas, presentación do actor e titiriteiro Andrés Giráldez.
- De seguido, enfiando coa maxia de palabra, chegara a maxia da música, coas seguintes formacións: Uxía, Repitroca, Os Cuncheiros e Os Carunchos.
O recinto do festival contará cunha carpa e serviranse comidas populares: polbo, callos, chourizos.