Péchase a campaña 'Nigrán en Negro' coa actuación de 'Blues Do País'
'Blues Do País'

O Concello de Nigrán pecha a campaña ‘Nigrán en Negro’ este domingo, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, co concerto ás 13:00 horas no Auditorio Municipal de ‘Blues do País’.

Trátase dun dúo formado por Bieitta James na voz e Pepe King á guitarra, xuntos transforman temas clásicos do blues e do soul internacional en cancións con referencias galegas, moitas delas reivindicando os dereitos das mulleres.

O Concello quere festexar e agradecer con esta actuación a gran implicación nesta ‘semana de loito’ do comercio local, centros educativos e das entidades sociais, xa que se sumaron máis de 150 locais participantes que están a tinguir de negro todo o municipio, medio cento máis que o ano pasado.

Neste contexto, este venres tivo lugar a lectura do manifesto deste ano na Praza do Concello por parte da directora do Centro de Información ás Mulleres de Nigrán, Yolanda Cobo, acto no que participou o goberno local, funcionarios e veciños de Nigrán.

Xa o luns, o CPI de Panxón acollerá un espectáculo de acrobacias e performance a cargo dos propios alumnos, que deseñaron a actuación tendo en conta esta data.