Comunidad de Montes en Man Común de Peitieiros
CEDIDA // Comunidad de Montes en Man Común de Peitieiros.

A Comunidade de Montes en Man Común de Peitieiros procederá este domingo día 4 de marzo a realizar unha repoboación con castiñeiros no monte comunal, na cal participará a veciñanza. Para iso quedarán as 10:00 horas na entrada da pista do Aloia, no alto de San Antoniño.

Cambio de especies e franxa de seguridade

Dende hai máis de 20 anos a CCMM de Peiteiros leva a cabo unha labor de substitución de especies e a creación dunha franxa de protección do monte comunal. Sendo conscientes da indesexada proliferación de acacias e eucalipto máis alá das súas áreas de cultivo, denominadas rodais. Dende hai tempo esta CCMM mantén traballos rutineiros de eliminación desta bioinvasión con dúas finalidades 1) realizar un cambio paulatino de especies substituíndo as bioinvasoras, que aumentan a capacidade pirofítica do monte, por árbores autóctonas e frondosas, entre elas castiñeiros que poden ter múltiples aproveitamentos. 2) esta substitución comezou realizándose no perímetro do monte comunal para illar a súa superficie dos lumes procedentes das propiedades privadas, xeralmente sen tratamento silvícola, ou evitar que se hai lume no monte comunal traspase ao resto da parroquia.

Actividade medioambiental

Non se comprende esta actividade sen a proxección social, todos os anos cóntase coa participación de entre 50 a 80 persoas nestas actividades, e sobre todo mocidade, o que fai qeu ata o de agora participaran máis de 300 persoas diferentes. É moi importante a implicación social nestes labores tanto pola axuda que aportan como pola exemplificación do labor do voluntariado e da acción ambiental. Neste sentido a entidade de custodia do territorio Verdeval, colabora nesta e noutras actividades, co mesmo fin ambiental, a través dun convenio subscrito entre ambas entidades.

Proxección social

Estas actividades enmárcanse dentro da liña de proxección social que a Organización Galega de Montes-ORGCCMM propón respecto de achegar a propiedade comunitaria e o funcionamento das CCMM á toda a sociedade co fin de que este peculiar xeito de xestión do territorio non desapareza a causa das ameazas que neste momento recaen sobre ela, entre elas podemos contar co lume.

Lumes no monte

A actividade de repoboación trata tamén de sensibilizar e contrarrestar o efecto dos lumes. O monte Matalagartos ardeu un mes antes do fatídico día da vaga de lumes de outono, que tanto dano fixo, e sobre todo nas CCMM do Val Miñor que son exemplo de xestión e aproveitamento en toda Galicia.