CEDIDA

Hoxe, perto de 200 persoas concentráronse diante do Concello de Gondomar en demanda de melloras dun transporte público que califican de precario e que empeora cada vez máis. 

Na concentración enumeráronse os diversos problemas e carencias do transporte público colectivo en Gondomar e reclamáronse solucións por parte dos Gobernos do Concello e da Xunta e das empresas concesionarias das liñas de transporte interurbano que realizan o servizo no concello, ATSA e Metytour, como partes implicadas e responsábeis de prestar ou de velar por que se preste un servizo digno do tempo en que vivimos.

A mobilización e a presión veciñal son necesarias e productivas.

Así, a presión veciñal pola recuperación da liña de Melytour por Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso, unha das reclamacións veciñais, logrou que hoxe mesmo se fixara unha reunión co Alcalde para o vindeiro martes, 10 de abril ás 20 horas, no Centro Neural de Gondomar, á que está convocada a veciñanza afectada.

E seguindo nesa liña de acción, hoxe tamén se inciou a recollida de sinaturas para reclamar da Xunta de Galicia que convoque, á maior brevidade posible, unha reunión da Comisión de Seguimento do “Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galiza na área de trasporte metropolitano de Vigo”, e que inclúa na súa orde do día a incorporación do Concello de Gondomar nese convenio para que a súa veciñanza poida dispoñer da tarxeta metropolitana e, dese xeito, beneficiarse dos descontos no importe dos billetes, co conseguinte aforro nos gastos de desprazamento.

Tamén se reclama do Concello de Gondomar que inste á Xunta de Galicia a cumplir esas demandas e que llo traslade aos demais concellos da área metropolitana para o seu coñecemento.

Os veciños de Gondomar manifestan que non van parar até conseguir o servizo de transporte público ao que teñen dereito, polo que seguirán a realizar as accións necesarias para acadar ese obxectivo.