O Bloque Nacionalista Galego insta ao grupo de goberno do PSOE a que faga cumprimento da Lei de memoria historia e do acordo plenario para a retirada de toda a simboloxía franquista que hai en diferentes edificios públicos do concello.
Dende o BNG lémbraselle ao Goberno do PSOE a existencia de placas conmemorativas na fachada do concello na rúa San Marcos, na praza de abastos, na fonte dos Chanfreiros en San Caetano ou nas casas baratas en Fedorento.
“O Concello, como institución pública, debe cumprir a lei e ser un exemplo para todos os guardeses e guardesas facendo eliminar os símbolos dunha das etapas máis negras da historia”, afirmou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
Desde o Bloque Nacionalista Galego consideran “lamentábel que o Alcalde, Antonio Lomba, e o seu goberno non cumpran coa lei tal e como logo se lle esixe aos veciños da Guarda”.
“Dende o BNG animamos aos guardeses a informar no concello sobre placas e inscricións con simboloxía franquista en diferentes edificios públicos para a súa eliminación, así mesmo animamos a eliminar aquelas que aínda poidan existir nos exteriores de edificios privados” explican.
