O Festival de Cinema Play-Doc chega á súa última xornada tras cinco días nos que pasaron pola cidade de Tui figuras relevantes do mundo do cinema e a arte convertendo á cidade nun marabilloso punto de encontro para cineastas e público que puideron gozar, un ano máis dunha exquisita programación.
Na súa xornada de clausura o festival, como vén sendo habitual, organiza un picnic no Paseo Fluvial do Río Miño. Amenizado cun concerto en directo organizado en colaboración cun dos eventos musicais máis interesantes que existen en Galicia, o Festival Sinsal SON Estrela Galicia. Nesta ocasión será a cantante asturiana Adriana Proenza, que dará un concerto no paseo fluvial do río Miño ás 13:00 h.
Mañá, poderase ver tamén a película Naufraxio (1984) dirixida por Wolf-Eckart Bühlerbaseada na autobiografía de Sterling Hayden, Der Havarist, na que recrea e escenifica pasaxes do libro e momentos da vida de Hayden, centrándose sobre todo nas súas testificacións ante o HUAC, (Comité de Actividades Antiestadounidenses). Naufraxio é, ademais dunha película extraordinaria, unha proclama política e como di o propio Bühler, unha oportunidade de cuestionarnos a nós mesmos. O director alemán estará presente tras a proxección para poder comentala co público.
Para finalizar unha marabillosa sección competitiva cun denominador común, a construción da memoria, proxectarase Introduzione all´oscuro dirixida por Gaston Solnicki, co que o público poderá manter un encontro tras a proxección, nela un home deambula polas rúas de Viena, guiado polo recordo dun amigo que morreu recentemente. A película é un ensaio sobre o duelo e unha homenaxe cinematográfica ao defunto Hans Hurch, crítico de cinema e director do Festival de Cinema de Viena desde 1997 ata a súa inesperada morte por un ataque ao corazón, en 2017.
Panorama Galicia pecha as súas proxeccións con dous traballos moi diferentes, por unha lado poderase ver a película dirixida por Roberto Minervini What You Gonna Do When the World´ s on Fire, coa dirección de fotografía a cargo do mestre da luz, o galego Diego Romero, un documental xenuíno e observacional, acerca da división racial en Estados Unidos o a que o director italiano explora sobre a dor causada pola desigualdade. Doutra banda, poderase ver a película Gallo, dirixida por Antonio Díaz Huerta e producida polo galego Sergio Frade, sobre a historia de superación de Aitor Francesena, que segue surfeando a pesar de que un glaucoma fíxolle perder a vista totalmente. Tanto Diego Romero como Antonio Díaz Huerta e Sergio Frade acudirán ás proxeccións para presentar os seus traballos e poder charlar co público.
O pano desta décimo quinta edición botáseo a película dirixida por Kidlat Tahimik, Balikbayan #1 (1979), que en tagalo significa retornado, trata entre outras cousas do regreso a casa de Enrique de Malacca, un suposto escravo malayo do explorador portugués do s. XVI, Fernando de Magallanes, quen circunnavegó o mundo antes de volver ao seu país como home libre. Kidlat Tahimik non se conforma con nada, nin contando o pasado colonial, nin con calquera das versións desta película, que estivo facendo e revisando por preto de catro décadas. Mañá tamén se poderá ver a súa última película Lakaran nin Kabunyan- A viaxe de Kabunyan na que Lakaran nin Kabunyan segue ao fillo de Tahimik, Kabayan, nunha viaxe desde a súa Baguio natal nas frescas montañas, ata Davao, as pegañenta metrópoles do sur, nunha simpática furgoneta laranxa.
Axenda domingo 7 de abril
- 17.30 h I Lakaran nin Kabunyan- A viaxe de Kabunyan I Kidlat Tahimik I Retrospectiva
- 18.30 h I Introduzione all´oscuro I Gaston Solnicki I Sección competitiva
- 19.30 h I Naufraxio I Wolf Eckart Bühler I Retrospectiva
- 20.30 I What You Gonna Do When the World’ s on fire I Roberto Minervini I Panorama Galicia
- 21.30 h I Gallo I Antonio Díaz Huerta I Panorama Galicia
- 22.30 h I Balikbayan #1 I Kidlat Tahimik I Retrospectiva