A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo en Tui a posta en marcha dunha estratexia que permita aproveitar todo o potencial que ofrece a eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, impulsando este territorio como “unha gran oportunidade económica” para todos os galegos e as galegas.
Así o asegurou tras visitar varias empresas do Baixo Miño localizadas no polígono industrial de Areas, onde avogou tamén por darlle un impulso ás infraestruturas pendentes nesta parte do País, dada a importancia que ten a mobilidade como factor de desenvolvemento económico, dixo.
Neste punto, Pontón subliñou o traballo feito “en positivo” polo BNG para mellorar a competitividade das empresas e a mobilidade na comarca, referíndose especificamente aos descontos históricos na AP-9 negociados en Madrid, que significan que o traxecto entre Vigo e Tui pase de costar 6,80 euros a 85 céntimos, no caso de facer 20 viaxes ao mes.
Os descontos na AP-9 supoñen “un avance moi importante tanto para a competitividade de todos os produtos desta zona como para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria”, apuntou a portavoz nacional, para precisar que “hai que seguir mellorando as infraestruturas desta comarca. Neste punto, remarcou que o BNG seguirá a traballar para que se finalice “dunha vez” a autovía entre Tui e A Guarda, “un elemento fundamental na comarca, na competitividade das empresas e, polo tanto, na mobilidade e articulación do territorio”.
Acompañada polo deputado Brais Ruanova, a portavoz municipal de Tui, Carmen Núñez, e responsables da organización na comarca, Pontón visitou as instalacións de Orpagu e de diferentes empresas asentadas en Tui —entre elas PLAINTEC— para coñecer “de primeira man” os proxectos que están a desenvolver, así como as “súas inquedanzas” en todo o que ten que ver co desenvolvemento económico e social da comarca.
Unha visita que aproveitou tamén para destacar a importancia de ter no País empresas que xeren máis valor engadido, “que aproveiten a riqueza que temos no noso territorio e que fagan unha aposta clara pola innovación”, asegurou. É por iso que Pontón propuxo incrementar as axudas que reciben as pequenas e medianas empresas galegas que aposten pola innovación e pola transformación dos produtos no propio País.