Santiago Rodríguez Davila, deputado provincial, saíu ao paso das numerosas voces críticas que se alzan no sur da provincia pola decisión “in extremis” do Concello de Vigo de suspender o tradicional concurso de rondallas que se viña desenrolando polo Nadal no IFEVI e acusou tamén ao goberno bipartito da Deputación, quen retirou con anterioridade as axudas a esta manifestación do patrimonio inmaterial galego, de “intento de xenocidio cultural deixando tirados a milleiros de veciños e veciñas da comarca viguesa que viven o movemento rondalleiro dun xeito especial con ensaios e preparativos que comezan case co ano e que se intensifican a medida que chegan as datas do Nadal”.
Rodríguez Davila lamentou a “falla de sensibilidade con estes veciños que fan desta afección o seu xeito de vida e que dedican horas e horas a facer preparativos e a esforzarse por ofrecer aos habitantes dos concellos do sur da provincia unha manifestación músico-cultural única e que non só hai que preservar senón potenciar ao máximo e non afogala buscando a súa decadencia e a súa extinción”.
O deputado popular Santiago Rodríguez Davila volveu defender o valor músico-cultural e o acervo cultural que supón o movemento rondalleiro no sur da provincial e criticou o “intento de limpeza étnica que levan a cabo os socialistas e nacionalistas contra os milleiros de persoas que defenden esta parte importante do patrimonio inmaterial de Galicia”.
O representante popular criticou abertamente a “despreocupación da Deputación de Pontevedra polas xentes que viven nos concellos da área metropolitana de Vigo e o pouco peso político que teñen os seus alcaldes e representantes políticos á hora da verdade cando teñen que defender os dereitos dos seus concidadáns, pregándose aos designios de políticos insensibles coas tradicións e a cultura”.
“Os veciños poden ver agora claramente como aqueles gobernos socialistas e nacionalistas aos que se lle enchía a boca falando da defensa dos valores e das tradicións de Galicia están sendo cómplices daqueles que non ven máis alá dos seus gustos e preferencias condenando a quen non pensa como eles ao ostracismo sen importarlles nada en absoluto”, sinalou Rodríguez Davila.
“Cando chegaron ao goberno falaban de que ían a darlle un “auténtico pulo” á nosa cultura e o que están a facer é precisamente iso, situala ante o abismo e darlles o empurrón definitivo cara a súa desaparición sen importarlles o que pensa nin o que sinte a xente. Pasado o tempo os veciños e veciñas poden comparar claramente a aposta que se facía antes polo movemento rondalleiro e a cultura popular e o que se fai agora. Así mentres os gobernos do Partido Popular están coa xente, coas súas iniciativas, coas súas preferencias, cos seus intereses, outros gobernan de costas á realidade e deixando tirados aos seus administrados”, manifestou o deputado popular.
Finalmente, Santiago Rodríguez salientou o compromiso do Partido Popular coa cultura e a música das rondallas e agradeceu á Xunta de Galicia que asumira a responsabilidade de non deixar que se perda unha clara mostra do patrimonio inmaterial galego e acceder a organizar o concurso de rondallas. “Unha vez máis menos mal que está a Xunta para emendarlle a plana á Deputación e ao Concello de Vigo e saír ao paso deste novo atropelo contra a cidadanía ao acceder a organizar este evento músico-cultural sen parangón. A Xunta evita así, deste xeito, que se faga unha cacicada que afectaría a milleiros de veciños e veciñas dos concellos do sur da provincia onde para os gobernos do Partido Socialista e dos nacionalistas as tradicións populares e os desexos dos veciños son secundarios, son o menos importante”, concluíu Rodríguez Davila.