BANDALLO // GES de A Guarda

O PP da Guarda presentou unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria na que pide ao Goberno Local que inste á Deputación de Pontevedra a que asuma o custo económico do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de A Guarda, GES.

A voceira, Conchi Ortega, sinala que lle corresponde á Deputación de Pontevedra, segundo se recorrele no artigo 49 da Lei de Emerxencias, a competencia en materia de emerxencias, en concellos de menos de 20.000 habitantes, “algo ao que o PSOE votou en contra en Deputación, a pesar de que si foi aprobada esta medida en administracións provinciais como as de Ourense ou Lugo”.

Cremos que o alcalde ten que traballar polo Concello e polos seus veciños e non estar tan pendente do que faga o seu partido en Deputación, onde o que menos lles preocupa, polo que parece neste dous anos de goberno bipartito, son os concellos”, afirma Conchi Ortega.

Nesta liña, Ortega explica que o Concello da Guarda está pagando un servizo supramunicipal, que ten un custo anual, segundo a conta xeral recentemente aprobada por outras formacións políticas, de 300.594,54 euros. “O GES de A Guarda non pode ser menos que calquera de Lugo ou Ourense, ese cartos saen de todos os veciños da Guarda, porque ao contrario do que fai calquera alcalde que é mirar polo interese dos seus veciños, o alcalde da Guarda prefire pagar o GES sen intentar que sexa a Deputación a que asuma o seu pago e por riba non ter unha ordenanza, por desidia, que regule as taxas a cobrarlle ás aseguradoras por cada unha das intervencións que se realizan” expón Ortega.

Conchi Ortega indica que “o alcalde toma decisións políticas mirando polo interese do seu partido en Deputación e non polo interese dos veciños da Guarda nin polos intereses dos propios traballadores do GES, que nin cobran os salarios acordes coa categoría profesional que lles corresponde, que teñen que ver como as baixas por paternidade quedan sen cubrir e que teñen que traballar nunhas instalacións moi deficientes”.

Conchi Ortega declara que “o alcalde ten que recapacitar e que acabe dándolle a razón ao Partido Popular, que leva reclamando melloras de financiamento do GES en cada un dos plenos celebrados desde o comezo da presente lexislatura. Éstes cartos do orzamento que van para o GES poderían adicarse a emerxencia social e mantemento de rúas na Guarda, duas partidas con necesidades urxentes”.