Onte, na escola unitaria de San Xián, presentouse o proxecto gañador dos premios Galicia Parabéns 2019 “A Esplanada do Horizonte” aos veciños e veciñas de Portecelo e San Xián.

No encontro coa veciñanza interviron a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e a arquitecta Rosaleira redatora do proxecto, María Fandiño, que realizou unha exposición do mesmo.

Premio:

O Concello do Rosal foi proclamado o pasado mes de maio o gañador dos premios Galicia Parabéns convocados pola Axencia de Turismo de Galicia para distinguir as mellores iniciativas de embelecemento e recuperación do noso territorio.

O proxecto “Acondicionamento do Camiño de Santiago» e da «Explanada do horizonte no lugar de Portecelo”, redactado pola rosaleira María Fandiño Iglesias, foi o proxecto mellor valorado polo xurado, acadando un premio de 400.000€.

Con esta actuación, que se iniciará proximamente, preténdese a revalorización e mellora paisaxística do tramo do Camiño de Santiago Portugués pola Costa, a creación dunha zona de descanso en Portecelo e a creación do Miradoiro do Horizonte, con espazos de ocio para os veciños e visitantes.

Recupérase a ladeira natural, modificado polo recheo colocado sobre a pedra natural, restablecendo o perfil orixinal desta zona e mellorando a súa calidade paisaxística, incorporando especies forestais autóctonas para enriquecer o seu valor natural.