A Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos presentou unha moción a prol da implantación dos servizos básicos de saneamento e abastecemento de auga en todas as parroquias e barrios do concello da vila Condal.
A subministración de auga pública municipal e a evacuación e tratamento das augas residuais son servizos básicos que o Concello de Gondomar ten a obriga legal de garantir por seren da súa competencia.
Segundo vén recollido no borrador do PXOM de Gondomar (agosto 2020), ningunha parroquia acada máis do 70% en saneamento e nalgunhas a rede municipal de saneamento cobre escasamente o 10% das vivendas. Se falamos da subministración municipal de auga a porcentaxe é moito máis baixa aínda, sendo un servizo garantido basicamente polas traídas privadas ou comunidades de augas.
A grave carencia do servizo de saneamento no concello obriga á veciñanza a se valer de pozos negros e fosas sépticas cuxas filtracións están a provocar a contaminación de terras, acuíferos e mananciais, prexudicando os cultivos e deixando inutilizada para consumo a auga de fontes e pozos, sendo estes últimos o único recurso de auga en moitos fogares, o que supón ter que mercala para o consumo.
A Deputación Provincial debe darlle cumprimento ao mandato recollido na Lei de bases de réxime local, no que se establece a obriga das deputacións provinciais de aprobar un plan provincial de cooperación coas obras e servizos de competencia municipal. Este ano o denominado Plan +Provincia establece como un dos retos principais o de facer fronte a necesidade de mellorar a prestación dos servizos públicos municipais. Así, ao igual que nos oito anos anteriores, ten establecido unhas axudas económicas que os propios concellos poden xestionar tendo en conta as súas necesidades; é dicir, deben ser os concellos os promotores e os que definen as prioridades, e quen determinen libremente as obras e actuacións a incluír no devandito Plan.
Os obxectivos principais son buscar o equilibrio territorial a fin de garantir a implantación e a prestación integral e axeitada dos servizos básicos de competencia municipal en todos os núcleos de poboación, con independencia da súa localización xeográfica e do seu carácter rural ou urbano para que haxa as mesmas oportunidades e a seguridade dunha calidade de vida similar, vivan onde vivan as persoas.
No que respecta ao saneamento, ese obxectivo ven sendo incumprido polo goberno municipal de Gondomar reiteradamente, este ano tamén. Así, dos 780.000€ da liña 1 (Investimentos) que neste ano 2024 lle corresponden ao Concello de Gondomar do Plan +Provincia adícanse cero euros a saneamento. E no que respecta aos 2,7M€ de remanente de tesourería do Concello de Gondomar, nas diferentes modificacións orzamentarias levadas a pleno este ano, como foi o caso do pleno do mes de xuño, tampouco foi incluído ningún importe para esta finalidade. Mentres isto ocorre, a veciñanza afectada pola falla destes servizos tan básicos vemos abraiada como saen cartos públicos do aforro municipal de todos os/as gondomarenses, por exemplo, para poñer herba artificial no Campo de Fútbol das Gaiandas. U-las prioridades?
Daquela é hora de esixir unha mudanza na política de investimos e gastos que dea prioridade á saúde pública e a protección ambiental. É dicir, mudar a política do bonito pola política do necesario. A situación de gravidade, mesmo no que se refire a unha cuestión de salubridade pública, por non falar dos danos medioambientais, é unha triste realidade que xa padecemos en moitos dos nosos barrios e parroquias. Así, non é moi extraño na nosa contorna ollar os xurros correr sen control polas cunetas. Obviamente isto reduce o benestar humano, xera enfermidades, provoca perda da calidade do medio e mesmo atrasa o desenvolvemento social e económico.
E, en tanto non se acade o saneamento de todas as vivendas, cómpre acometer medidas paliativas como a implantación dun servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas para atender as necesidades da veciñanza que se ve afectada pola limitación da rede de saneamento. extensible tamén a centros sociais e pequenos negocios. Un servizo xestionado e subvencionado en parte polo Concello para que teña un custe menor do que hoxe soportan, e que ademais cumpra co obxectivo do traslado e tratamento correctos das augas fecais e do respecto ao medio ambiente.
Chegado a este punto consideramos que cómpre actuar sen demora, polo que, por todo o exposto, solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS:
1º.- O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar ACORDA realizar un estudo técnico urxente sobre a situación actual da cobertura da rede de saneamento no Concello de Gondomar. Asemade que recolla tamén o estado da rede que neste momento está funcionando, principalmente da parte máis vella, e sobre a capacidade de depuración da EDAR de Donas.
2º.- O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar ACORDA que en función dos resultados do estudo técnico encargado, procederase a realizar os proxectos técnicos necesarios para lle dar servizo a aqueles barrios ou parroquias que estableza un plan de prioridades consensuado entre o Concello e a veciñanza organizada.
3º.- O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar ACORDA que, como mínimo o 50% dos fondos propios do Concello, remanentes de tesourería, etc, serán dedicados en cada ano orzamentario a obras de saneamento nas parroquias; a maiores da busca de financiamento para este fin en todas aquelas administracións con competencias no asunto: Deputación, Xunta de Galicia, Goberno do Estado e Unión Europea.
4º.- O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar ACORDA redactar a ordenanza precisa para establecer o funcionamento e posta en marcha dun servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas que atenda as necesidades de vivendas, de centros sociais e pequenos negocios que non estean cubertos pola rede de sumidoiros.
5º.- O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar ACORDA instar ao goberno municipal a garantir a prestación do servizo de abastecemento de auga para uso doméstico a todas as vivendas de Gondomar que o precisen, facilitando as xestións necesarias para que poidan subministrarse ben do servizo de auga municipal, ben a través da comunidade de augas existente na parroquia en que radique a vivenda.
