La playa de Panxón, en Nigrán.
La playa de Panxón, en Nigrán.

O grupo municipal de Nigrán Decide, conscientes da necesidade de manter en perfecto estado de limpeza e salubridade as praias de Nigrán como lugar para o lecer e fonte de riqueza e xeración de emprego, así como para protexer a saúde das persoas, vai presentar unha moción para desenvolver un plan de control de vertidos no litoral de Nigrán.

Segundo comenta o portavoz de Nigrán Decide, José Cuevas, “a pesar de que o noso grupo leva solicitando ao goberno municipal desde principios deste ano que establecese dito plan, ademais de sinalarlle a existencia de numerosos desaugues que botan auga que sospeitabamos contaminada, o problema da contaminación no litoral de Nigrán non desapareceu”.

“De feito, este verán, como consecuencia da existencia de vertidos ilegais, estivo prohibido o baño durante uns días nunha zona de Nigrán, información que o goberno municipal, poñendo en risco a saúde da veciñanza, ocultou nunha actitude irresponsable, ao non sinalizar a recomendación de non bañarse temporalmente. Cómpre lembrar que na actualidade descoñécense as causas que motivaron dita contaminación” sinala Cuevas.

O voceiro de Nigrán Decide explica que “temos sospeitas de que non é a primeira vez que acontecen feitos como estes, pois, do mesmo xeito que neste ano a Xunta de Galicia non fai públicos, na súa páxina web, os resultados das análises que motivaron a prohibición do baño, na publicidade que obrigatoriamente ten que facer o Ministerio de Sanidade tampouco figuran a totalidade dos resultados das análises feitas en Nigrán nos anos 2014 e 2015; para finalizar indicando que os problemas non deben ser ocultados, pois se o risco do que foi advertido o concello chega a materializarse en dano á saúde das persoas, o prexuízo para a imaxe de Nigrán sería irreversible”.

Até o de agora, a única actuación coñecida do Goberno Municipal foi o descubrimento, por casualidade, do vertido que producía o Centro da Terceira Idade, facendo caso omiso a todos os rogos que lle fixemos no pleno para a elaboración dun plan de control de vertidos ou para fiscalizar o mantemento da rede de saneamento. Tal é a deixadez do goberno municipal que, despois de contestarnos no pleno de setembro do ano 2015 que ían fiscalizar o mantemento da rede de saneamento, un ano máis tarde descoñecen os plans de mantemento de dita rede” declara Cuevas.

En concreto, a moción que presenta Nigrán Decide, para ser debatida no próximo pleno, pedirá que se cumpra o Decreto 141/2012 polo que se aproba o Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia, por parte da entidade xestora e das persoas usuarias que non teñan sistemas propios de tratamento das augas residuais, un control regular, real e efectivo do mantemento da rede de saneamento por parte do Concello, un programa de análises das canles e zonas de baño de Nigrán, así como de todos aqueles vertidos que hai en Nigrán; un programa periódico de inspeccións sobre aqueles vertidos ao litoral ou os ríos, unha investigación pública das características, do funcionamento e do uso da EDAR de Nigrán dende a súa entrada en funcionamento ata hoxe e na última década.