Tino Baz

O Instituto de Estudos Miñoranos, en colaboración co Concello de Nigrán, presenta mañá venres 15 de decembro no Colexio Estudio de Chandebrito o videoclip “E veu o lume”, gravado polo grupo Cantares do Brueiro e o cantautor de A Guarda Tino Baz na Madanela das Eiras (O Rosal), na Serra do Galiñeiro (Vincios) e no Castro de Chandebrito.

No acto intervirán Anxo Vaz, dos Cantares do Brueiro, Xosé Lois Vilar, do IEM, proxectarase o videoclip e fala, e canta, e sinte, Tino Baz. Trátase dun grito colectivo musicado que se estrea en Chandebrito e no mes de xaneiro nas Neves.

Tino Baz: “No sábado 14 e no domingo 15 de outubro veu o lume, pero non veu de seu. Arderon montes, veigas, casas, coches, morreron persoas; aquí Maximina e Ánxela… Comprobamos así que hai moito no noso país que non funciona ou que funciona mal ou ó gusto duns poucos. Pouquísimos. A intención da música que vén desde o máis fondo do noso país, A Guarda, e desde o máis fondo do corazón é transmitir unha mensaxe de desacordo e de esperanza e aproveitar o desastre humano, ecolóxico, político para xurdir das cinzas e erguernos como pobo, rebelarnos de maneira activa e tentar deseñar o noso futuro”.