O Concello edita o libro “Con otra mirada. El horror de la Guerra Civil Española en el Monasterio de Oia. 1936-1939”
Os tres autores do libro

O Concello de Oia edita o libro «Con otra mirada. El horror de la Guerra Civil Española en el Monasterio de Oia. 1936-1939», que é froito dunha investigación sobre o período no que o cenobio oiense funcionou como campo de concentración onde permaneceron recluídos varios milleiros de presos republicanos.

O libro, coordinado por Fernando Javier Costas Goberna, contou tamén coas achegas de Lucía Álvarez Caeiro na gravación e transcrición de entrevistas e de Lorena González Vicente na elaboración de fotografías e análise do material fotográfico. O equipo recompilou documentación histórica, realizou unha reportaxe fotográfica nas estancias do Mosteiro onde quedan vestixios da época e tamén reuniu testemuñas de presos e familiares, así como de veciños de Oia que viviron eses tempos.

Como resultado da grande cantidade de material reunido e analizado, a obra presenta o contexto histórico da época e reconstrúe como era o día a día das persoas que viviron no campo de concentración do Mosteiro de Santa María de Oia, que permaneceu operativo ata polo menos finais de 1939 (quizais ata principios de 1940). Cabe destacar que, desde a súa declaración como monumento de inteŕese nacional en 1931, a única utilidade pública do cenobio foi como campo de prisioneiros. 

A investigación revela as duras condicións de vida no campo emprazado no cenobio, onde se viviron situacións de importante aglomeración de persoas, especialmente cara ao final. Concretamente, o libro detalla que en febreiro de 1939 chegaron a xuntarse máis de 4.500 prisioneiros nun lugar con capacidade estimada para 250 persoas. Moitas delas chegaban desde Cataluña, se ben houbo reclusos procedentes doutros lugares.

A obra tamén afonda noutros aspectos, como os falecementos de presos no campo así como os posibles lugares de enterramento.

Historias nas paredes

O traballo desenvolvido incluíu a toma de 700 fotografías en tres espazos do mosteiro en cuxas paredes se conservan debuxos e textos realizados por prisioneiros e algún carcereiro ao longo do ano 1939. As instantáneas foron analizadas xunto con outras 103 procedentes do arquivo da empresa propietaria do cenobio, Residencial Monasterio de Oia.

A análise do material gráfico permitiu detectar unha grande variedade de motivos entre os debuxos das paredes: escenas bélicas, proclamas, lamentos, súplicas de liberdade, o duro día a día en condicións de hixiene deficitaria e escaseza de alimento, a nostalxia do fogar, da familia e do mundo exterior, calendarios para contabilizar o tempo de privación de liberdade, etc. Algúns dos debuxos presentan unha notable calidade artística.

Outro dos aspectos nos que se centra o libro é a relación entre os presos e a propia veciñanza, una cuestión sobre a que se obtiveron datos a través de entrevistas realizadas a prisioneiros e descendentes e aos veciños e veciñas de Oia que lembran estes tempos. Dentro desta temática destacan varias historias humanas onde os veciños se solidarizaron coa complicada situación das persoas encarceradas.

Coidado deste patrimonio

Grazas á análise do material fotográfico recompilado en diferentes anos, o traballo de investigación logrou detectar con “alarmante claridade” o proceso de degradación que veñen experimentando os grafitos co paso do tempo, un deterioro producido polo desprendemento do estuco que recobre as paredes.

A ese respecto, a obra fai especial fincapé no valor de todo este patrimonio así como na necesidade de conservalo. Así se manifesta nas seguintes pasaxes:

“Para intentar entender o que temos nos tabiques de ladrillo e ‘repilla’ do leste do claustro reglar temos que esquecernos de que estamos nun mosteiro, temos que tratar de facelo con outra mirada; estamos nun campo de concentración de prisioneiros chegados desde diferentes lugares”.

“Os grafitos dos muros do Mosteiro de Oia son os nosos ‘Guernicas’, mensaxes directas e claras dos que estiveron alí nesa época terrible”.

“Os que sufriron prisión e morreron no campo de concentración de Santa María de Oia entre 1937 e 1939 non merecen que os esquezamos, por eles e por nós mesmos”.

Presentación

A presentación do libro celebrarase o próximo 27 de marzo na Casa Cultural de Santa María de Oia ás 19.00 horas. O acto será presentado polo vicedecano da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo, Manuel Ángel Pombal Diego.