Fin de semana de proba en proba con ‘Eureka Reto Rural’. Arredor de 200 persoas gozaron na Guarda dunha nova proposta deste xogo de escapismo ao aire libre e de balde que en cada sesión reúne a centos de participantes para gozar e coñecer o territorio dun xeito diferente, interactivo e único.
Organizado por EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, os desafíos de ‘Eureka Reto Rural’ conquistan dende a súa posta en marcha a persoas dos 14 municipios do territorio e visitantes e conta cada sesión cunha grande afluencia de público.
Este sábado unhas 200 persoas achegáronse á Guarda para mergullarse no pasado mariñeiro da vila e explorar diferentes lugares cos que ir percorrendo e descubrindo a historia da vila guardesa, sempre moi vinculada ao mar, así como a súa rica gastronomía.
O equipo ‘Toxiños’ foi o gañador do escape room da Guarda, premiado cunha experiencia gastronómica con aloxamento para un máximo de 6 persoas unha noite no Pazo da Escola de Gondomar, acompañado de almorzo e xantar. Por outra banda, o grupo ‘Los lentos’ foi o gañador do lote de produtos de degustación do mar sorteado polo Concello entre todas e todos os participantes.