O proxecto posto en marcha pola Concellería de Igualdade e financiado pola Deputación do Pontevedra, está encamiñado a mellorar as posibilidades de inserción laboral das mulleres do concello de Baiona.
Esta é unha iniciativa que trata de implicar as mulleres participantes en actividades relacionadas co emprendemento e a empregabilidade, e que sobre todo fomentan a súa inclusión social e laboral, especialmente daquelas pertencentes a colectivos con maiores dificultades.
O traballo que se está levando a cabo neste proxecto baséase na metodoloxía dos Clubes de Emprego, no cal as mulleres ven reforzada a súa busca de saídas laborais co apoio e traballo do resto do grupo. Ademais o feito de combinar estas sesións de traballo grupal con outras de carácter individual, fai que poidan seguir incorporándose mulleres en calquera momento do proceso, contribuíndo así a que cada usuaria desenvolva o itinerario máis axustado á súa situación e necesidades.
Todo este traballo verase reforzado en próximas semanas pola posta en marcha de actividades formativas que contribuirán a mellorar a súa empregabilidade. Neste sentido, a idea é apoiar a súa participación en programas de formación ocupacional, así como tamén ofrecer pequenas accións formativas complementarias dirixidas a favorecer a adquisición de competencias adicionais para o desempeño do posto de traballo e a desenvolver habilidades sociais, necesarias tanto para a busca de emprego como para permanecer nel.
Dende a concelleira de Igualdade, Xuventude e Novas Tecnoloxías, que lidera Yasmina Moreira, recordan que esta iniciativa sigue aberta a todas as mulleres de Baiona que o desexen, e que inda están a tempo para inscribirse ou solicitar información no Centro de Información a Muller.