RAFA ESTÉVEZ

Galinsect, de Ponteareas e Propplantae, de Nigrán, son as flamantes gañadoras dos I Premios de Emprendemento da provincia convocados pola Deputación de Pontevedra, no marco do programa SmartPeme, en colaboración coa Fundación Roberto Rivas.

Os premios, unha nova iniciativa para apoiar o tecido emprendedor na súa transición dixital e aos que concorreron un total de 37 empresas, coñecéronse esta tarde na Gala celebrada no Salón de Plenos do Pazo, evento conducido pola xornalista Raquel Pérez e coa guinda musical da man da cantante, compositora e produtora Rebeca Rods e o seu grupo de góspel. Durante o transcurso da Gala tamén se entregaron os premios ás 2 mellores iniciativas entre as participantes da 5ª edición da aceleradora de empresas turísticas, que recaeron en Alecrín e Meet Rural.

Os I Premios de Emprendemento repartiron 7500 € para as dúas mellores propostas de emprendemento ligadas ao rural e ao compromiso coa sostibilidade e a transición dixital. Deste xeito, a empresa Galinsect, radicada en Ponteareas da man de Rubén Recamán, alzouse con 4000 € como mellor iniciativa de emprendemento rural.

Por outra banda, Propplantae liderada por Vanesa Redondo e con sede en Nigrán obtivo 3500 € como mellor iniciativa de emprendemento por proposta de negocio e compromiso sostible e dixital.

Galinsect é un proxecto de revalorización de residuos na industria agrícola e alimentaria para a produción industrial de insectos para o sector acuícola, agropecuario e de mascotas como solución sostible para a alimentación animal, mentres que Propplantae é un laboratorio biotecnolóxico de sanidade vexetal e I+D+i que diagnostica enfermidades de plantas e prescribe tratamentos sostibles.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que cos I Premios de Emprendemento “recoñecemos a todas as mulleres e homes que apostan pola creación de empresas e pola posta en marcha de negocios, en definitiva, por emprender”, e puxo en valor as “dúas perspectivas diferentes coas que se abordaron os premios, ruralidade e sostibilidade máis dixitalización”.

Os premios son unha iniciativa de SmartPeme, “un programa moi potente, dixo a presidenta, que busca que as empresas, pemes e persoas autónomas e emprendedoras poidan ter un instrumento para empregar as TIC para crear empresas, para a súa mellora, a busca da internacionalización e nova clientela e para ter un contacto máis directo coa cidadanía”. Carmela Silva salientou o alto nivel das candidaturas e das empresas premiadas. “Hai iniciativas que van ter moito futuro e se van converter en grandes empresas, de feito moitas delas son xa moi relevantes e referentes no seu sector”. As gañadoras, asegurou, “son empresas moi sorprendentes, innovadoras, dixitalizadas e moi pegadas ás novas demandas dos sectores produtivos”. A presidenta tamén sinalou a importancia “de que haxa emprendemento para manter a poboación nas zonas con maiores problemas demográficos, porque a iniciativa económica permite que a xente desexe e poida quedar nas contornas rurais”.

Premios ás mellores empresas participantes na 5ª aceleradora TurisTIC

Na Gala tamén se entregaron os premios ás 2 mellores empresas entre as 8 que participaron na 5ª aceleradora de empresas turísticas TurisTIC SmartPeme. O primeiro premio, dotado de 900 €, recaeu en Alecrín, de Ana Vázquez (Vigo). Este proxecto expón roteiros en destino autoguiados para pór en valor o patrimonio da provincia e repercutir na economía local. O segundo premio foi parar a Meet Rural, de Sandra Fontinha e Lucía Prado (Baiona), que recibiron 600 € pola súa plataforma de encontro para os municipios rurais do sur de Galicia e norte de Portugal, con información pública, directorio de negocios e persoas traballadoras.

A presidenta, Carmela Silva, sacou músculo do sector turístico: “que imos dicir a nivel de turismo nesta provincia? Temos empresas potentísimas, dentro dun sector que aposta por avanzar na dixitalización, a sostibilidade e a desestacionalización do destino para ofertar experiencias e emocións ás persoas visitantes”. A presidenta lembrou que “cada ano moitas empresas se presentan á aceleradora, e poñemos á súa disposición instrumentos para avanzar. A innovación das empresas gañadoras destes premios fala da fortaleza que temos no emprendemento do sector turístico”.