A candidatura do PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra pasou por Tomiño no seu acto central para o Baixo Miño. O secretario xeral, David Regades, subliñou que a Deputación de Pontevedra investiu 30 millóns de euros nesta comarca, enchendo a paisaxe de carteis de obras, mentres o marcador da Xunta de Galicia está a cero.

Na praza do Seixo, unha contorna tamén reurbanizada cunha achega da Deputación de medio millón de euros, celebrouse o acto no que participaron as candidatas Isaura Abelairas, Leticia Gallego e Noelia Otero, ademais da voceira municipal en Tomiño, Violeta de Santiago, e os alcaldes de Tui, Enrique Cabaleiro, e A Garda, Antonio Lomba.

David Regades preguntouse por que non hai carteis de obras da Xunta en Tomiño, A Garda, Tui, Oia e O Rosal e destacou que a resposta é a nula aposta polo rural e o reto demográfico. “É fácil dicir que se cre en Galicia, pero o xeito de crer é dar oportunidades de vida e servizos á xente que quere vivir no rural; o cariño demóstrase con realidades e as realidades escríbense nos Orzamentos da Xunta”.

O secretario xeral das/os socialistas pontevedreses expresou o seu desacordo con quen afirma que todos os políticos son iguais. “Houbo outra crise no ano 2008 e o que se facía era rescatar bancos e nesta crise prohibíronse os despedimentos e os desafiuzamentos, garantiuse a cobertura social cun Ingreso Mínimo Vital, axudouse ao colectivo autónomo e protexeuse á clase traballadora cos ERTE”.

Subliñou que Feijoo non quería volver presentarse e mesmo chegou a ofrecerse ás grandes empresas españolas buscando un futuro laboral. “Ao final volve ser o cartel do PP cunha desgana absoluta e unha falta de compromiso total”. “Se as grandes empresas dixéronlle non a Feijoo, as galegas e galegos temos a obriga de dicirlle o mesmo”, concluíu.

Destacou que en cada pobo, en cada vila e en cada cidade da provincia padécense os mesmos problemas coa Sanidade pública, froito da mala xestión da Xunta de Galicia. Por iso Gonzalo Caballero comprometeu a contratación estable de 5.000 profesionais, remarcou. Preguntouse por que están as escolas infantís pechadas, impedindo a conciliación familiar, mentres o PP insta á apertura dos parques infantís.

Violeta de Santiago denunciou os recortes na Atención Primaria, que veñen arrastrándose dende antes da pandemia e mesmo se traduciron nun peche en horario de tarde do Centro de Saúde, baixas sen cubrir, nula atención telefónica e tempos de agarda escandalosos. Houbo problemas, explicou, ata para subministrar a segunda dose do virus do papiloma humano. “Esta é a xestión de Feijoo e agora temos máis de 15 días de agarda para unha consulta telefónica e o máis que probable peche do consultorio de Goián, que só a veciñanza pode parar”.

A candidata Noelia Otero afeou á Xunta de Galicia a xestión das residencias de maiores, un problema que xa ven arrastrado da “vella normalidade”. “Agora escoitamos falar de Domus Vi, un dos monopolios xeriátricos de Galicia, pero quen aupou a ese monopolio xurdido nesta provincia?” Preguntouse cal é o modelo de residencias do Partido Popular galego. Ademais destacou que Feijoo deixa máis de 500 camas menos na Sanidade pública e apostou pola privatización do transporte sanitario. “En Galicia, nos últimos meses, en pleno século XXI faleceron dúas persoas agardando por unha ambulancia e iso é unha vergoña”. A candidata número 2, Isaura Abelairas, denunciou que a saúde despáchase agora con consultas a distancia. “A min non me da a gaña de que me chame un médico por teléfono, eu quero mirar ao médico aos ollos e que el me mire a min”. En relación á política nacional lamentou que os actuais representantes da dereita perderon o medo a dicir barbaridades “é unha política deplorable, na que o falar non ten cancelas”.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, cualificou como indecente convocar Eleccións Autonómicas no medio dunha pandemia e criticou as promesas de última hora do PP galego, que contrastan coa actitude do PP nacional que está en Bruxelas tratando de impedir que se outorguen axudas a España para saír da crise. “Temos unha enorme responsabilidade como Partido Socialista, porque somos o único instrumento para a esperanza en Galicia”. “Se queremos mudar a triste realidade deste país hai que estar á altura das circunstancias”.

O alcalde da Garda, Antonio Lomba, subliñou que a Xunta de Galicia non escoita aos alcaldes e alcaldesas e cualificou como “desgarradora” a situación da Atención Primaria. “Somos un animal malferido e fainos falta o osíxeno que pode achegar un novo presidente da Xunta de Galicia como Gonzalo Caballero”. Destacou que toda a comarca do Baixo Miño está “moi deixada pola Xunta” e “necesitamos aire, como o que nos dá a Deputación de Pontevedra dende que chegou Carmela Silva á Presidencia, porque antes eramos anaeróbicos”.