O pasado xoves, 22 de xullo, Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, visitou Gondomar para participar nunha charla-coloquio sobre a importancia para Galicia de ter voz propia no Parlamento español. Ao acto, organizado polo BNG do Val Miñor, asistiu un numeroso público e contou tamén coa presenza de Carmela González, deputada no Parlamento galego; Juli Castro e Xavier Rodríguez, responsábeis locais de Baiona e Nigrán, respectivamente; o Tte de alcalde e a concelleira de igualdade de Baiona, Iago Pereira e Yasmina Moreira; e Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG en Gondomar.

O deputado nacionalista insistiu en que “é fundamental para Galiza contar con representación no Parlamento do estado para poder defender os intereses do pobo galego”. Sobre este tema, citou o exemplo do acordo de investidura entre o BNG e o PSOE, no que o goberno de Pedro Sánchez se comprometeu, entre outras cousas, a rebaixa das peaxes da AP-9, ao saneamento das rías, a apoiar a industria naval galega e á modernización da rede ferroviaria.

Outro asunto que abordou Néstor Rego foi a suba do prezo da luz, que cualificou de estafa. Rego incidiu na “necesidade de desprivatizar as grandes corporacións eléctricas para poder regular as tarifas, ou de que Galiza poida facer valer o feito de ser unha potencia na produción de enerxía, en lugar de continuarmos a pagar a tarifa máis cara de Europa”. Sobre este tema, o BNG entregou recentemente no rexistro da Xunta 23.610 sinaturas en contra da estafa da factura da luz e a favor da creación dunha tarifa eléctrica galega.

Ao final do encontro, diversas persoas do público formularon as súas preguntas a Rego, quen respondeu afondando na importancia para os galegos «de ter voz propia no Congreso para defender os nosos intereses».

Esta charla-coloquio foi un dos actos do BNG previos ao Día da Patria Galega, 25 de xullo, data na que a organización nacionalista convoca unha mobilización nacional con saída ás 12:00h da Alameda de Compostela. A organización nacionalista garante que se cumprirán todas as medidas sanitarias e anima ao conxunto da cidadanía a participar.