O vindeiro venres día 13 de setembro o Centro Cultural da Guarda acollerá un Relatorio sobre Violencia Sexual Comercial a cargo da activista feminista, Amelia Tiganus, e no que colabora o CIM (Centro de Información á Muller) da Guarda.
O acto, que terá lugar ás 20:00h e tratará sobre os Avances e retos de futuro na loita contra a trata e explotación sexual de mulleres e nenas. En tempos de globalización e neoliberalismo, a explotación da sexualidade feminina convertiuse nunha industria, unha das máis puxantes a nivel mundial. A cuarta onda do feminismo ten no centro da súa axenda a violencia sexual incluíndo dentro da mesma a prostitución e a pornografía.
Tendo ese marco presente, no relatorio, Amelia Tiganus combinará a teoría feminista e o marco legal, cunha análise crítica desde a experiencia vivida e sentida. Desgranará os intereses xeopolíticos que hai ao redor de legalizar a Trata con Fins de Explotación Sexual en España, deixando ao descuberto todos os actores do Sistema Prostitucional, e analizará o papel da demanda no mantemento da explotación sexual de mulleres e nenas
Os obxectivos deste relatorio son (re)pensar sobre a implicación e tolerancia social que existe ao redor da mercantilización do corpo das mulleres e nenas e as graves consecuencias que supoñen sobre a saúde física e psicolóxica das mesmas, así como identificar e incluír nos debates aos demais actores que inflúen e pechan o círculo desta realidade. E, como parte adxacente a isto, analizar a importancia da coeducación e dos valores transmitidos a través da ensinanza e dos modelos familiares, culturais, sociais e políticos. Contaremos co relato de quen convertiu a loita feminista no sentido da súa vida despois de ter sido vítima de trata e explotada sexualmente durante cinco años nos prostíbulos españoles. Coraxe, empoderamento, resiliencia e militancia feminista: claves para converterse en suxeito político.