Rematan a primeira fase das obras da nova avenida-variante de Tomiño

As obras da nova circunvalación de Tomiño que servirá para retirar o tráfico de paso do núcleo do Seixo en Tomiño van a gran ritmo e xa por diante do calendario previsto e nos vindeiros días rematarase a primeira fase de obras.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, explica que a empresa adxudicataria, Construcciones, Obras y Viales SA (COVSA), xa ten listo practicamente toda a extensión da traza e de xeito inminente iniciará a canalización dos servizos de pluviais, liñas de telecomunicacións e electricidade.

Segundo manifesta o responsable de infraestruturas viarias da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, dende o inicio da obra o pasado 10 de agosto realizáronse traballos de preparación de terreo, coa roza e retirada do arborado e a terra vexetal existente, e a aportación de pedras e outros materiais para facer os recheos que están a deixar a base da vía ben asentada a unha mesma cota. De feito, houbo zonas de auga nas que foi necesario reforzar a base para que non haxa problemas ao estender as diferentes capas de aglomerado nos últimos meses de obras. Os traballos iniciais, que están indo de forma moi dinámica grazas á climatoloxía favorable, finalizarán nunha semana aproximadamente.

A segunda fase da obra, explica Benítez, xa non será tan visual para a veciñanza, xa que consistirá na instalación de todas as canalizacións de servizos de xeito subterráneo. Esta parte dos traballos durará uns tres meses e servirá para deixar baixo terra tanto as tubaxes das pluviais que recollen os sumidoiros nas beiravías, como tamén as canalizacións de telecomunicacións e electricidade.

A terceira fase comezará cando se apliquen as diferentes capas de zahorra, aglomerado e tratamentos antiesvaradíos na calzada, se fagan as plantacións de vexetacións e se instale o mobiliario urbano e iluminación.

A pesares de que o prazo oficial de execución da obra está nos 12 meses, dende a dirección da obra subliñan que o cronograma vai máis avanzado do previsto grazas ao bo tempo, polo que se o ritmo vai así a nova avenida podería estar finalizada antes do verán de 2019.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez manifestou a súa satisfacción pola boa marcha dos traballos, mais subliñou que o importante é que a nova estrada cumpra cos estándares de calidade contratados, xa que será un dos eixos principais sobre os que se artellará o desenvolvemento do concello de Tomiño. Lembrou que o orzamento de execución das obras ascende a 1.920.116,65 euros e que a nova vía e froito dun convenio entre a Deputación, que financia a meirande parte, o Concello, e a Xunta de Galicia, que financiou as expropiacións.

A alcaldesa Sandra González, pola súa banda, destacou tamén que a obra é unha realidade que suporá un antes e un despois para a vila. “É un fito estratéxico para o desenvolvemento dos dez vindeiros anos do concello. Levamos moitos anos traballando para conseguila e agora vense os froitos”, subliñou.

A nova avenida de Tomiño, cunha traza de 1.318 metros, enlazará polo sur coa estrada provincial EP-3102 e polo Norte coa PO-344 (rúa Gondomar), dando saída á rúa da República Arxentina e, de forma complementaria, ao Camiño do Alivio e ao Camiño da Pedra. Tamén enlazará coa futura vía de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda.

A sección abrangue 16 metros de largo medio, 10 metros dedicados a unha plataforma de dobre sentido de circulación e seis metros dedicados a unha senda peonil e ciclista pola marxe esquerda e a unha separación intermedia coa calzada. Amais, o proxecto inclúe cinco glorietas para ordenar o tráfico.

Rematan a primeira fase das obras da nova avenida-variante de Tomiño