Ánxela Fernández, voceira do BNG no Rosal

Dende o BNG do Rosal consideran que coa renuncia de Jesús María Fernández Portela se pécha un ciclo tras 19 anos á fronte do goberno local.

“Á marxe das discrepancias políticas sempre tentamos facer unha oposición construtiva, positiva, responsable e respectuosa. Suso tivo a confianza da veciñanza para liderar o goberno local durante todo este tempo, polo que merece o máximo respecto e recoñecemento pola nosa parte. Desexámoslle o mellor neste novo camiño que comeza“, afirma Ánxela Fernández, concelleira portavoz do BNG do Rosal.

Á nova alcaldesa, Mari Carmen Alonso, queremos transmitirlle a nosa disposición ó diálogo xa que queda moito por facer. Dende o BNG do Rosal levamos moitas lexislaturas defendendo o proxecto de recuperación da entorna do Calvario para as persoas coa continua oposición do PP. Agora temos a oportunidade histórica de facelo realidade grazas ó traballo do BNG na Área de Mobilidade da Deputación de Pontevedra. O próximo paso para facelo efectivo é tarefa da nova edil,” indica Fernández.

Apoiar o mercado local dinamizando o comercio, promover a participación e a involucración cidadá no Concello, promover e poñer en valor a música e a cultura, o deporte, o noso patrimonio e o noso monte ou a consecución dunha liña de transporte pública para os mozos e mozas do Rosal que cursan os seus estudos no centro de destino do IES A Sangriña, son algunhas das propostas que seguiremos defendendo e reclamando a Mari Carmen Alonso e ó grupo de goberno do PP no exercicio das súas funcións“, finaliza a portavoz do BNG.