ALFREDO

O pasado día 28 de marzo, a Asociación de Persoas Afectadas polas Enchentes dos Ríos Miñor e Zamáns, mantiveron unha entrevista en Santiago de Compostela co Director Xeral de Augas de Galicia.

Unha xuntanza que valoran moi positiva, «primeiro, pola présa en recibirnos e pola cordialidade da mesma e, en segundo lugar, e sobre todo, polas aclaracións dadas e os compromisos adquiridos por parte de Augas de Galicia», sinalan.

Dende a Asociación perciben que no referido ás enchentes «hai unha nova sensibilidade máis favorable cara as persoas afectadas por parte de Augas de Galicia, sobre todo despois do acontecido coa DANA en Valencia».

«Efectivamente -din – tivemos a posibilidade de lle explicar ao Director Xeral en persoa cales son as nosas preocupacións sobre un asunto tan grave e que tanto dano nos ten feito, e tamén propoñerlle unha serie de medidas alí onde nós consideramos que compre actuar para evitar eses danos. Actuacións que son públicas e coñecidas por todas as Administracións con competencias no asunto e que teñen que ver coa aplicación do sentido común máis que coa realización de grandes obras».

Entre esas actuacións estaría un control rigoroso dos recheos nas beiras do Río Miñor; o desatuimento dos ollos das pontes río abaixo; a apertura dun van na estrada que dá acceso á Depuradora en Donas aproveitando que se van facer obras na mesma; control dos desaugues do encoro de Zamáns; acondicionamento dos vellos encoros de A Pasaxe e de Pegonergor como reguladores do caudal do Río Zamáns e dos desaugues do encoro; un mantemento regular das árbores caídas nos leitos dos ríos «cuxa retirada a día de hoxe resultou moi efectiva, etc….»

No que se refire ás obras na confluencia dos ríos Miñor e Zamáns no centro da vila, «adiadas por mor das discrepancias polo desvío do tráfico entre a Xunta co Concello de Gondomar, e que a nosa Asociación ten dúbidas razoables sobre a súa eficacia, o Director Xeral anunciou que van redactar un novo proxecto máis aquilatado orzamentariamente e, compromoteuse con nós a estudar as repercusións do mesmo río abaixo para telas en conta no devandito proxecto. Pois de nada valería resolver o problema na vila e afogar o Barrio da Ponte en Mañufe«, advirten. 

Agardan a que a receptividade do Director Xeral de Augas de Galicia manifestada coas propostas expostas pola Asociación, «dea lugar a accións concretas e proxectos que axuden a rematar coa problemática deriva das enchentes e devolvan os nosos ríos o máis posible  ao seu estado natural, e a tranquilidade ás persoas que vivimos ás beiras dos Ríos Miñor e Zamán«, rematan.