O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o proxecto de restauración, rehabilitación e ampliación do Real Mosteiro de Oia presentado hoxe como un exemplo de protección do patrimonio e motor de desenvolvemento turístico.

Nun acto celebrado na sede de Afundación de Vigo, o titular do Goberno galego definiu a iniciativa como o “inicio dunha nova etapa” para este emblemático monumento do patrimonio galego que conta cunha axuda de 4 M€ por parte da Xunta para albergar un hotel e un restaurante.

Estes apoios forman parte dunha liña destinada a apoiar iniciativas tractoras que supoñan a rehabilitación con usos turísticos de lugares senlleiros do Camiño de Santiago, no marco do Plan Xacobeo Next Generation. Neste sentido, o Mosteiro de Oia, catalogado como Ben de Interese Cultural, forma parte do itinerario do Camiño Portugués da Costa, unha ruta que, tal e como apuntou Rueda, é a que máis medra con máis de 57.300 Compostelas recollidas ata o momento.

Así, subliñou que, tras máis de 20 anos de esforzo por parte dos actuais propietarios, a empresa Residencial Mosteiro de Oia SA, o proxecto non só é un feito histórico, senón tamén un exemplo de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural de Galicia para deixar tamén o mellor legado ás vindeiras xeracións.

Un obxectivo que vai en sintonía coa campaña impulsada este ano pola Xunta, Que a nosa historia siga contando, para fomentar a sensibilización cidadá sobre a importancia do coidado do patrimonio cultural da comunidade e na cal o Mosteiro de Oia foi un dos elementos seleccionados.

Elemento vertebrador para a economía

Alfonso Rueda indicou que con este proxecto presentado hoxe, ademais de preservar o patrimonio, dinamizarase a economía local e fomentarase un turismo sustentable e mellorarase os servizos para turistas e peregrinos. Con todo, a circulación dos usuarios turísticos non coincidirá coa dos asistentes á igrexa xa que o espazo dedicado a uso turístico comprende unicamente o recinto pechado intramuros.

Así, as Rutas Xacobeas están a acadar cifras de récord, con máis de 393.000 Compostelas emitidas ata o momento, e cada vez están máis internacionalizadas, debido a que un 60% corresponde a peregrinos estranxeiros. Ao mesmo tempo, segundo un estudo da Xunta en colaboración coa Universidade de Santiago, cada peregrino ten un efecto económico equivalente a entre 2,4 e 3 turistas nacionais.