O pasado sábado na eira do convento do Mosteiro de Oia, reuníronse máis dun cento de veciños na primeira convocatoria da plataforma “S.O.S. Mosteiro”, plataforma na defensa do Mosteiro de Santa María de Oia.

Na asemblea aberta levouse a cabo a presentación da plataforma, as causas e motivacións polas que se formou, lectura do manifesto e a posterior recollida de firmas apoiando o manifesto.

A plataforma “S.O.S. Mosteiro” nace como unha necesidade dos veciños, ante o abandono do mosteiro por parte do seu propietario e a inacción das administracións” apuntan dende a plataforma.

Segundo esta asociación, “a comezos de ano, tras comunicar a asociación Acamo encargada nos últimos anos de realizar as visitas guiadas no Mosteiro, impide o acceso o monumento alegando perigosidade de derrube”.

Este feito”, explican, “confirma o deterioro do cenobio, e o incumprimento da lei por parte do propietario, pola falta do mantemento e conservación do mosteiro, ben de interese cultural dende o ano 1931”.

Ante esta situación “S.O.S. Mosteiro” denuncia e manifesta “a lamentable situación do inmoble, baseándose na lei do Patrimonio Cultural de Galicia, esixe o cumprimento da lei, a expropiación e rehabilitación por parte das administracións competentes”.