FOTO CIG

A Consellaría de Economía, Emprego e Industria vén de impoñerlle unha sanción económica ao centro de educación especial San Xerome Emiliani da Guarda por denegación de horas sindicais, cualificada como unha infracción grave por incumprimento do Estatuto dos Traballadores/as e do convenio colectivo de atención a persoas con discapacidade. A decisión, contra a que cabe recurso de alzada, chega a raíz da denuncia presentada pola CIG na Inspección de Traballo.

Os feitos denunciados pola CIG diante da autoridade laboral remóntanse ao 21 de marzo do ano pasado, cando dende a federación de Ensino se lle remite un correo electrónico á empresa coa comunicación de horas sindicais dun delegado, que ademais exerce como presidente do comité, para que puidese asistir á mobilización convocada para reclamar un convenio colectivo xusto para o sector“, indican dende o grupo sindical.

“A resposta da dirección do centro foi que con esta petición se superaban as 15 horas de crédito mensual, algo que a CIG desmentiu enviando un resumo de todos os permisos gozados polo representante sindical nese mes, que efectivamente non superaban as 15 horas, e especificando a duración exacta do permiso solicitado“, apuntan.

“O mesmo día no que se demandaba a saída do delegado (23 de marzo ás 16:00 horas), o xerente do San Xerome comunícalle ao representante sindical que non está prevista a súa substitución e que non recibiu notificación da corrección horaria, extremo que tamén foi corrixido pola CIG achegando a copia na que se comprobaba que o correo fora enviado e o informe sobre a entrega do correo no equipo destinatario“, explican dende a CIG.

Ao mesmo tempo“, afirman, “ese mesmo día unha responsábel da CIG-Ensino amosoulle os papeis en persoa o xerente ás portas do centro e deixoulle moi claro que denegaba as horas sindicais “porque quería, xa que nós fixéramos as xestións en tempo e forma”. O xerente reiteroulle que non recibira o correo, ante o que a sindicalista lle respondeu que entón terían que presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo por denegación de horas sindicais, ao que el lle respondeu que fixeran o que quixeran”.

Segundo a este sindicato, unha vez presentada a denuncia, a autoridade laboral comprobou e constatou que a CIG fixera as xestións correctamente e que o delegado aínda dispuña de crédito horario suficiente no momento da solicitude do permiso. “Para nós é positivo que a Inspección tomase cartas neste asunto, porque non é a primeira vez que sucede algo así neste centro. De feito, a empresa xa fora apercibida pola autoridade laboral en 2016 polos mesmos motivos, instándoa a conceder o crédito sindical solicitado“, expoñen dende a CIG-Ensino.

Mais desta volta a actuación contra a empresa é de maior entidade, xa que na acta da Inspección cualifícase a infracción como grave xa que incumpre o Estatuto dos Traballadores/as e o convenio colectivo de atención a persoas con discapacidade. Agora esta infracción vén de ser confirmada pola Consellaría de Emprego, que fixa unha multa económica para a empresa de 626 euros. Contra esta decisión cabe recurso de alzada diante da secretaría xeral de Emprego“, finalizan dende a CIG.