CABE

Gondomar Concello Aberto convocou este pasado sábado unha nova concentración a prol dun “Centro de Saúde digno para Gondomar que cubra as necesidades reais de asistencia sanitaria para toda a poboación. Non estamos dispostos a asumir os recortes da Sanidade Pública, nin imos asumir un Novo Centro de Saúde que vai nacer xa cun déficit asistencial e sanitario”.

Dende CABE indican que “a actual estrutura que alberga a Unidade de Atención Primaria de Gondomar, Centro de Saúde,  é claramente insuficiente e é un feito por todos constatado. Polo que se fai imprescindible a construción dun novo centro de Atención Primaria, cun Plan Funcional e un programa de espazos que dea resposta as necesidades asistenciais actuais e poda acoller crecementos futuros. Non é o caso do novo Centro de Saúde programado“.

As ratios comparativas así o poñen de manifesto, mentres en Nigran hai 1 medico cada 1.277 pacientes, en Gondomar se eleva a 1 cada 1.715, en Pediatría mentres que en Nigrán é de 1 por cada 755 nenos en Gondomar supera a tripla 1 para 2.267, en enfermería máis do mesmo mentres que no concello veciño é de 1 por 1.172 en Gondomar é de 1 por 2.027. Empeza a época das vacacións, empezaremos coas restricións e peche de consultas. A Xunta e o Concello parecen non concernidos por esta problemática. O Sr. Ferreira mofandose das concentracións e o Sr. Concelleiro dando a calada por resposta, non tivo a ben nin tan sequera contestar a solicitude de entrevista, avalada por 2.000 sinaturas“, finalizan.