Este xoves día 12 de xullo, A Guarda oferta a segunda cita da programación de visitas teatralizadas que se repite semanalmente os xoves, ás 21:00 horas, durante todo o verán ata o 30 de agosto, agás os xoves 19 de xullo e 9 de agosto.

Tralo éxito da primeira sesión, dende a Concellería de Cultura convídase novamente a toda a cidadanía e aos visitantes nesta tempada estival, a que aproveiten esta oportunidade para coñecer un pouco da historia da nosa vila, dun xeito moi divertido e ameno.

Baixo o concepto “De alén mar para A Guarda” e enmarcado nas conmemoracións do 100º aniversario da creación da xunta organizadora para a construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, as visitas teatralizadas deste verán toman coma fonte o libro “Hospital Casa-Asilo de A Guarda(1918-2018), Centenario de una institución benéfica nacida en Puerto Rico”, obra do historiador local Joaquin Miguel Villa Álvarez.

Esta actividade amosa á cidadanía a nosa historia e patrimonio dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do noso pasado, involucrando aos participantes e facéndoos partícipes neste espectáculo. As visitas, realizadas pola compañía Os Quinquilláns, percorren o centro histórico, comezando ás 21.00 horas na Praza do Reló, e seguindo pola rúa Colón, rúa Baixo Muro, rúa José María Lomba Peña, rúa Malteses, para chegar ó Porto da Guarda, onde rematou cunha actuación do grupo de pandereteiras Tremelique.

Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, dan vida a dous personaxes influentes da Guarda de 1918. Nese momento, coincidindo coa toma de decisión da construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, actual edificio que alberga hoxe en día as instalacións do Centro Cultural na Rúa Rosalía de Castro do municipio.

A través deste fío condutor, a compañía fai unha intensa labor de contar como foi o proceso da creación desta xunta organizadora en Puerto Rico. Pero por se isto fora pouco, o espectáculo agocha sorpresas musicais, que variarán cada xoves.