O xurado do XV premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, reuniuse o pasado sábado 4 de novembro nas dependencias do IEM, e deu en escoller as seguintes obras finalistas listadas por orde alfabética:

  • A mirada das 1000 iardas
  • Himno nacional
  • No ceo da boca
  • Patios
  • Tentación dunha viaxe
  • Unha casa onde vivir

O título e autoría da obra gañadora darase a coñecer nos próximos días e será publicada na colección Dombate da Editorial Galaxia no mes de marzo de 2024, cando se celebre o acto de entrega do premio nunha data aínda por confirmar, pero que será arredor do día 13 dese mesmo mes, cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo.

A organización quere destacar a boa saúde do Premio de Poesía Victoriano Taibo que, grazas ao apoio do Concello de Gondomar, chega a celebrar a súa décimo quinta edición cunha participación case récord de cincuenta e seis poemarios e unha ampla repercusión a nivel nacional, estatal e incluso internacional.

Este mesmo ano, o poema “Mamá fala en documentos predeterminados” do poemario Antese, de Arancha Nogueira, gañadora da XIII edición, foi escollido coma mellor poema do ano 2022 na gala Ari[t]mar en Santiago de Compostela.