A CIG do Baixo Miño reelixiu este sábado a Serafín Fernández como secretario da Unión Local na IV Asemblea celebrada na Guarda. No encontro, no que participaron 34 delegados/as dos 36 inscritos/as, tamén se aprobou o Informe de Xestión e se renovou a Executiva.
A IV Asemblea da Unión Local da CIG do Baixo Miño reelixiu como secretario a Fin Fernández con 33 votos a favor e 1 en branco, o mesmo apoio colleitado pola nova Executiva. No proceso celebrado no Centro Cultural guardés tamén se aprobou o informe da Executiva saínte, que resume a actividade desenvolvida polo sindicato na comarca dende a anterior Asemblea, celebrada en 2017.
O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, pechou o encontro cunha intervención na que aproveitou para facer unha breve radiografía da situación socioeconómica do Baixo Miño e apelou á necesidade de incrementar a contestación social para forzar unha saída galega xusta da crise. Neste punto incidiu precisamente no feito de que a crise de 2008 tivo se vise prolongada pola pandemia, e agora polo conflito entre a OTAN e Rusia, do que dixo que non pode “servir de escusa para seguir a recortar dereitos e precarizar aínda máis as condicións de traballo e de vida da poboación”.
Pola súa banda, o secretario da Unión Local, Serafín Fernández, repasou a actividade desenvolvida polo sindicato nestes últimos catro anos, con especial mención aos conflitos laborais no centro educativo San Xerome Emiliani da Guarda e nas empresas IKF e Depósitos Coballes. Ademais, destacou o incremento da afiliación e o feito de que a CIG superou a maioría absoluta no conxunto da comarca, onde ostenta o 53,49% da representación. O acto pechouse coa interpretación do Himno galego.
Composición da nova Executiva:
- Serafín Fernández Portela.
- Olga Orduña Pereira.
- Serafín de la Fuente González.
- Javier Vicente González.
- Rosa María Salgueiro Fernández.
- Juan José Martínez Rivero.
- José Manuel Martínez Trigo.