A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro ven de instar ao Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do parque natural do monte Aloia, a ampliación do citado parque para a protección da serra.

A alegación que expuso a plataforma foi para “pedir que o citado parque natural sexa ampliado ata abarcar a totalidade da Serra de Galiñeiro, dado que eses son os límites fisiográficos da citada serra, e porque os valores de Galiñeiro son quen de merecer tal figura de protección”, sinalan.

Hai que ter en conta, indican ”que nesta parte norte da serra os elementos xeolóxicos e paisaxísticos, os hábitats, os valores botánicos e faunísticos, os elementos etnográficos e arqueolóxicos e o potencial científico, educativo e de esparcimento social son nalgúns casos superiores aos do propio monte Aloia”.

Dende o ano 2010 esta plataforma loita pola protección da Serra de Galiñeiro, denunciando diferentes atropelos aos que se ve sometida, nomeadamente o proxecto de parque eólico e a explotación mineira de Terras Raras.

Dende entón, esta plataforma ten posto de manifesto os valores naturais, patrimoniais e sociais da serra, e así mesmo os distintos colectivos e persoas que a compoñen teñen debatido sobre a figura de protección máis acaída para este espazo natural chegando á conclusión de que “a figura de parque natural é a adecuada, sen desbotar outras que tamén puidesen darlle a este territorio unha protección máis local dende os distintos concellos que a forman ou dende as comunidades parroquiais que teñen territorio nela”.