ALFREDO // Fuegos artificiales en las fiestas de San Telmo 2018

Nun comunicado de prensa, a protectora de animais “aloia” solicita ao alcalde de Tui a prohibición do uso de pirotecnia no municipio e a creación dun protocolo de rescate animal.

Comunicado da protectora de animais “aloia”:

En catástrofes como a acontecida coa explosión da tonelada de material pirotécnico que se encontraba escondida no almacén ilegal de Paramos, alén das vítimas humanas, persoas afectadas e danos e materiais, hai outras vítimas non menos importantes, indefensas e silenciadas, que son Os Animais.

Da mesma forma, ou quizais aínda con máis intensidade, que lamentamos as vítimas humanas e actuamos para o seu rescate, non podemos desatender e deixar de lado a morte e sufrimento de centos de animais de todas as especies , que permanecen invisibles e desleixados pola inexistente consideración por parte da sociedade, das forzas de seguridade e das administracións.

Por outra banda, de sobra son coñecidos os efectos negativos da pirotecnia non só para determinados grupos de poboación como nenas e nenos con autismo, crianzas, persoas de idade avanzada ou con problemas auditivos, senón tamén para os animais , que até organizacións como avatma, composta por centos de veterinarias/os de todo o Estado, teñen publicado un informe ao respecto, onde se fai unha revisión das consecuencias que estas actividades teñen sobre os animais, como os efectos físicos e psicolóxicos, os riscos asociados como as fuxidas ou perdas, danos provocados por queimaduras, lesións auditivas e oculares, e mesmo os efectos ambientais. Ademais, estas fobias aos ruídos van en incremento, polo que, lonxe de habituarse ao son, o animal resposta aumentando cada vez máis o seu medo.

Polo noso compromiso con todas a inxustizas e en particular e con especial forza coas que padecen todos os animais, desde a Asociación Protectora de Animais Aloia de Tui vimos de solicitar ao Alcalde do Concello de Tui:

  1. Que se cree un protocolo de actuación para o rescate e salvamento de animais de todas as especies en situación de catástrofe ou emerxencia.
  2. Que, por coherencia e en honra de todas as vítimas humanas e non humanas (animais e natureza) da explosión, sexa prohibido o uso de pirotecnia.