XUNTA DE GALICIA

Nigrán Decide presentou por rexistro este mércores un rogo ao Goberno de Nigrán para que proceda a solicitar a concesión do Club Náutico de Panxón para o Concello, ante a posibilidade de que por parte de Portos de Galicia se faga unha nova concesión durante un período que pode chegar aos 50 anos.

O grupo municipal de Nigrán Decide entende que estas instalacións emprazadas no dominio público non deben estar privatizadas, debendo estar dispoñíbeis para toda a veciñanza. En concreto considera que nesas instalacións podería facerse un Centro Social e unha escola municipal de Vela.

«Sabemos que recuperar o Club Náutico de Panxón para á veciñanza non vai ser fácil, pero agora ábrese unha oportunidade que ten que explorar o Goberno municipal«, sinala Cuevas.

«Entre a actual concesión do club Náutico de Panxón que comezou no ano 1992 e a anterior que data de 1969, as instalacións do Club Náutico levan privatizadas desde hai case 50 anos, a agora vaise facer unha nova concesión por parte de Portos de Galicia por un período de tempo, que aínda que descoñecemos, pode chegar aos 50 anos«, indica José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide.

Para Cuevas, «a intervención neste momento é fundamental, xa que unha nova concesión destas instalacións podería demorarse outros 50 anos que é o máximo das concesións previstas na lei de Portos de Galicia. Sabemos que recuperar o Club Náutico de Panxón para á veciñanza non vai ser fácil, como tampouco o era a construción dunha nova biblioteca de Nigrán de dimensións adecuadas a un concello de 17.000 habitantes cando insistimos en que se fixera neste mandato, pero agora ábrese unha oportunidade que ten que explorar o Goberno municipal«.